Tiña sete anos cando recibiu as súas primeiras clases de pandeireta e baile. Fíxoo canda os seus pais, os tres xuntos. Nese momento comezou a forxarse unha paixón que aínda a acompaña hoxe coa mesma forza.
Leva anos formando parte da asociación folclórica O Fiadeiro de Vigo. A medida que transcorreu o tempo foi descubrindo os tesouros que acollía a cultura tradicional galega. Quizais, pensa ela, o feito de ter conectado tanto con este eido teña que ver con que as súas raíces están no rural.
Porén, o seu devir profesional non se inclinou inicialmente cara ao tradicional. Mudouse a Santiago para estudar xornalismo, outro dos seus grandes intereses. En específico, quixo formarse en comunicación para poder especializarse no campo deportivo, xa que desde ben nova foi seguidora do Celta.
Seguiu vinculada á tradición, pero non foi ata os últimos anos de carreira cando reparou en que podería unir as súas dúas grandes paixóns, o xornalismo e o folclore, nun só medio: de aí naceu Rebelico, unha revista online de cultura tradicional galega.
Eva Fernández é coñecida por Rebelico, o seu medio de divulgación online. Este nace a facultade de Ciencias da Comunicación, pero cobre unha área inmensa, tratando de percorrer todos os recunchos de Galicia co obxectivo de difundir a cultura propia, “tanto do presente como do pasado”. Iso inclúe non só o baile e a música, tamén as linguas, a literatura, a gastronomía, os aparellos de labranza, os costumes…
“O meu proxecto busca dar voz á cultura tradicional galega no ámbito xornalístico, porque ata agora non había un medio especializado nesta temática. Ademais, cando un medio xeralista fala da nosa tradición non o adoita facer con propiedade. Entón, o que pretendo é por un lado darlle á nosa cultura o valor que merece e por outro especializar este campo”, explica Eva sobre as razóns que a levaron a fundar o seu proxecto.
Rebelico busca dar voz á cultura tradicional galega no xornalismo, porque ata agora non había un medio especializado nesta temática. Quero darlle á nosa cultura o valor que merece
Calquera que visite a web de Rebelico ou consulte as redes sociais pensará que detrás hai un equipo completo traballando. Pero non, a revista comezouna Eva ela soa e así segue. “Iso si, cando saia a gravar entrevistas levo a alguén coa cámara, algún amigo, os meus pais…”, agradece. Pero a preprodución e a edición é un labor solitario, o que non impide que actualice os contidos con periodicidade, especialmente nas redes.
“É un traballo moi esixente, as redes son moi escravas porque hai que estar subindo contido case todos os días”, asevera. Publica diariamente en Instagram, en Tik Tok sobe vídeos cada dous ou tres días, mentres que a web resérvaa para reportaxes máis elaboradas, que requiren máis tempo.
As ideas sóbranlle a Eva. Moitas véñenlle á mente por si soas e outras teñen que ver coa actualidade, con grupos que vai descubrindo ou novos coñecementos que adquire. Na páxina web céntrase en temas de actualidade ou en asuntos que precisan de máis detemento para ser explicados. Ao ser formato texto, permite profundar máis. As redes son diferentes.
En TikTok e Instagram ten unha sección tan nova como chamativa, ‘Ao xeito do lughar’, centrada en divulgar tradicións concretas a través de entrevistas informais. Moita repercusión tivo un vídeo arredor das tocadoras de lata e o baile en roda.
Tamén prepara vídeos de efemérides e doutros temas concretos, como as tradicións do día dos defuntos, a variedade das nosas coplas ou as particularidades do traxe tradicional, que varía en función da zona. Compostela, por exemplo, tiña un vestiario específico: “as mulleres pobres levaban unha cofia pero as máis ricas tiñan panos con flores vermellas”. Na web adicou unha ampla entrada ao traxe santiagués e a súa lectura non ten desperdicio.
Tamén ten falado da tradición dos gravados nas casas de Santiago, unha historia ben curiosa. Os símbolos tallados na pedra dan máis información da que pode parecer nun primeiro momento.
Eva trata de participar en todos os eventos, festividades e actividades que teñan que ver co tradicional, é por iso que “hai cousas que xa sei de serie” e non precisa realizar un labor de documentación a maiores. Agradece que haxa entidades que velen pola conservación do legado tradicional galego: “temos un tecido asociativo moi rico, e moitas traballan polo estudo e transmisión da cultura tradicional”, indica.
Desde que Rebelico comezou a súa andaina, alá por febreiro do 2023, Eva non recibiu máis que eloxios e agradecementos polo seu traballo. Sen ir máis lonxe, o mesmo día que abriu a súa conta de Instagram conseguiu 200 seguidores, algo que non agardaba porque “era un campo novo e nin sequera o difundín moito, só entre os meus amigos e familia”.
Parece que Rebelico chegou para quedar. Cobre unha necesidade que xa resultaba imperante, e o seu público amosa satisfacción co que cada día pode aprender grazas aos vídeos de Eva. Non hai máis que ver os comentarios que lle deixan nas redes.
O éxito é tal que mesmo conseguiu sacarlle rendemento económico, diversificando o proxecto nunha vía adicional. Rebelico é tamén axencia de comunicación, ofrece un servizo “para todo aquel que precise axuda na difusión do seu proxecto tradicional”, explica.
Non podería imaxinar a miña vida sen a tradición. O meu traballo é poñer en valor o noso, xa que moitos galegos descoñecen a riqueza da tradición propia
O soño de Eva é poder vivir de Rebelico, dedicarse en exclusiva á revisa porque é o que realmente a apaixona: “Non podería imaxinar a miña vida sen a tradición, é parte de min. Por iso sinto que o meu traballo é poñer en valor o noso, moitas persoas en Galicia descoñecen a riqueza da tradición que temos”.
E tamén o fai por esas persoas que traballan en prol desa conservación e transmisión da cultura, entidades que levan anos remando nesa dirección, “que teñen moito valor e que deben ser recoñecidas”.