Reportaxe | A chave de Santiago, un xogo de orixe incerta que perdura nos bares

A chave é un xogo tradicional de grande traxectoria en Galicia con diferentes variantes en función da área xeográfica na que se practique. En Santiago existen varios equipos que teñen a peculiaridade de representar a diferentes bares do Concello, pois son os que aportan a infraestrutura necesaria para que se poida seguir disfrutando desta actividade
Reportaxe | A chave de Santiago, un xogo de orixe incerta que perdura nos bares
Colocando a chave de Santiago

Houbo unha vez un home chamado Casimiro que era dono dun bar, curiosamente chamado bar Casimiro. Nesta cafetería había un campo de tiro de chave. Casimiro chegou a cumprir cen anos, pero nin el mesmo sabía cando se comezara a practicar este xogo tradicional. 

 

As orixes do xogo da chave non están claras, pero todo apunta a que naceu nos tempos mortos dos traballadores do ferrocarril. Para paliar o aburrimento, probarían a lanzar pedras contra as chaves que se empregaban para unir os raís das vías coas travesas.

 

O tempo quixo que o xogo evolucionase ata o punto de que na actualidade se conservan diferentes modalidades en función da área xeográfica. En Santiago de Compostela, concretamente, existe todo un tecido asociativo que vela por preservar o xogo da chave, aclarar as normas de xogo -que difiren en función da zona- e dar conta da súa relevancia. A Asociación de Xogadores da Chave de Santiago, que naceu no 1985, mesmo organiza desde ese ano a liga que se xoga entre abril e xuño, normalmente os martes e os mércores.

 

O funcionamento do xogo da chave é sinxelo pero require concentración. A grandes trazos, consiste en lanzar unhas pedras, chamadas pesos, contra unha chave que varía de forma en función do lugar onde se xogue. No caso de Santiago trátase dunha chave de ferro temperado en forma de folla ou lingua

 

Formachave
A chave de Santiago

 

Os pesos son de arredor de 550 gramos e cando chocan contra a chave producen un son moi característico, agudo e potente que confirma que o xogador “fixo chave”. De feito, en Santiago de Compostela hai un dito a este respecto: “A chave de Santiago soa como a Berenguela”, en referencia ao son da torre do reloxo da Catedral. A tirada non é válida se o peso bate contra a base da chave -o cepo-, ou se antes de golpeala chocou contra o chan. Os tiros deben ser directos e dar na chave, independentemente de se a tiran ou non. 

 

Os lanzamentos efectúanse desde 14,20 metros de distancia no caso dos homes, e 12,50 no das mulleres. Na liga xógase por parellas, e adoita haber catro por equipo: isto é, cada equipo ten arredor de oito xogadores. Enfróntanse dúas persoas de diferentes equipos que lanzan dous pesos cada un, mentres as respectivas parellas esperan ao lado da chave para colocala se cae e cantar os puntos, que trasladan á mesa -un órgano que actúa coma un árbitro- para que os anote. 

 

Parellaschavemesa
As parellas de dous xogadores cantan as chaves atinadas

 

Cada chave suma oito puntos, e existe a posibilidade de sumar un ou dous puntos máis para o equipo que consiga achegar máis os pesos á chave. Así e todo, se os dous xogadores enfrontados conseguen acertar os dous pesos os puntos anúlanse. É dicir, que para anotar tantos é imprescindible que un dos xogadores erre o tiro. As partidas son a cen puntos e cada parella que gaña leva un punto. A duración das partidas, por tanto, é moi variable e pode alongarse varias horas.

 

Os bares, lugares de encontro

 

Os campos de tiro de chave son eiras. Aínda que existen catro eiras de titularidade municipal, o máis habitual -e o que á vez dá sinal de identidade e é chamativo da chave de Santiago- é que estas eiras de xogo se sitúen en bares e restaurantes. Os propios responsables destes establecementos encárganse de preparar as eiras e os campos e a partir de aí nacen equipos que levan o nome das tabernas onde practican e que logo poden representar na liga. 

 

A día de hoxe hai nove equipos, pero nalgúns anos chegou a haber ata 38. Quico Lueiro, secretario da Asociación de Xogadores da Chave de Santiago, explica que co tempo foron pechando eiras por diferentes motivos, como poden ser as ampliacións dos restaurantes que acaban eliminando o espazo destinado aos campos, ou a negativa dos donos a comprometerse a mantelos.

 

Eirachave
Campo de tiro do bar Anxo, en Vite

 

Os bares son o lugar predilecto dos xogadores -habitualmente homes- para reunírense e practicar non só porque haxa campos de tiro senón porque lles brindan a posibilidade de tomar algunha copa ou refresco mentres xogan. O ambiente é propicio. Son grupos de amigos os que adoitan formar os equipos de cada bar, independentemente de que vivan en lugares distintos, polo que as relacións veñen de antes. 

 

Con todo, tense dado o caso de que algún cliente, logo de observar os adestramentos de chave, se achegase curioso preguntando se podería unirse. É así como algún novo membro chega a integrarse. De feito, hai un par de anos durante o campionato anual de chave que se celebra durante as festas da Ascensión, dous rapaces mostraron interese no xogo e acabaron formando un equipo novo. 

 

Xogando a chave
Un adestramento de chave no restaurante San Cristoff

 

En xeral, os equipos están formados por homes de máis de 45 anos ou xa xubilados, pero sempre hai algún mozo que rompe a media. Non pasa o mesmo coas mulleres, que apenas teñen presenza na liga profesional -aínda que hai interese en formar equipos femininos-, nin cos nenos. Quico Lueiro asevera que desde a asociación teñen organizado charlas nas escolas para dar a coñecer a chave, pero custa conseguir que os rapaces se animen a practicar o xogo con asiduidade, malia o interese inicial que poidan mostrar. 

 

Ao final, os xogadores de chave que un pode atopar nos bares de Compostela son persoas que levan desde nenos practicando, animados polos seus pais que xa o facían. A tradición vaise perdendo paulatinamente. De feito, outro factor que dificulta a supervivencia da chave é a falta de ferreiros que elaboren as pezas de chave, que deben ser temperadas con corrección para evitar roturas.

 

Pertenza e unión

 

O xogo da chave une vidas e crea lazos difíciles de romper. Proba da unión é que os equipos organizan de cando en vez unha comida cos cartos que gañan pola súa competición na liga e noutros torneos.

 

O propio concello de Santiago organiza dous torneos, un durante as festas da Ascensión e que se celebra ao carón da gardaría da Alameda (este ano os días 10 e 11 de maio) e outro no día do Apóstolo. Este último ten a particularidade de empregar unha chave de pedra, que substitúe a chave de prata que empregaron ata hai pouco tempo. 

 

Ambos os torneos contan cunha dotación económica para os campións e os subcampións. Quico Lueiro, que participou moitos anos, lembra que antigamente a parella gañadora levaba como premio dous carneiros. No caso da liga organizada pola Asociación de Xogadores da Chave de Santiago, outórganse un trofeo e unha placa.

 

Canteira profesional

 

Entre os xogadores da chave de Compostela destacan varios nomes, coma o de Miguel Liñares, Sancho Puente, Camilo Rodríguez ou Suso Botana. Atópanse, na opinión dos seus compañeiros, entre os máis profesionais do xogo. Con todo, a disciplina é sinal común entre todos os integrantes, que adestran cada semana independentemente do frío, por exemplo, que dificulta a práctica pola limitación de movemento que supón levar enriba varias pezas de roupa. Mentres o empeño deste grupo de persoas perdure -así coma o apoio dos bares-, tamén o fará este xogo tradicional.

 

 

Reportaxe | A chave de Santiago, un xogo de orixe incerta que perdura nos bares

Te puede interesar