Tradicionalmente, a beleza foi definida no mundo da arte pictórica como a cualidade da peza que, ao cumprir con determinados principios estéticos —normalmente canónicos, aínda que non sempre— inspira unha harmonía satisfactoria para o espectador.
Esta harmonía, en moitos casos, está ligada coa perfección, coa equiparación estrita das proporcións e a simetría compositiva.
Ao ver unha representación con estas características, sen saber moi ben por que, o ser humano experimenta a agradable sensación de contemplar a beleza.
É curioso pensar como, a pesar da atracción que sinte a nosa especie pola innovación, sempre acaba volvendo inconscientemente á xeometría; á precisión e á exactitude que a matemática leva inspirando en nós desde o principio dos tempos.
Esa fascinación pola estética do concreto ten unha orixe incerta sobre a que se pode teorizar durante horas, pero a realidade tanxible é que forma parte de nós. Simplemente, está aí.
Está no lector destas páxinas, en quen as escribe e, dunha maneira aínda máis exacerbada, en artistas como Sara Naveiro.
A artista orixinaria de Touro emprega técnicas como o collage e a acuarela para crear pezas abstractas de libre interpretación.
Con todo, entre as formas representadas hai unha que destaca claramente por riba do resto: a circunferencia.
A pintora non ten claro a que se debe a predilección por esa forma. “Uns fan trazos rectos, outros escriben letras, e eu sempre que teño diante un folio en branco póñome a debuxar círculos”, explica.
Trátase dunha figura empregada ao longo da historia como símbolo do ceo, a orixe ou, sobre todo, a perfección.
Non obstante, Sara Naveiro nega con rotundidade que esta última xustifique o seu gusto pola forma xeométrica.
“Todo o contrario, ademais”, insiste, para facer énfase en que segundo ela “están igual de ben os círculos mal feitos”.
É, precisamente, algo que se entende moito mellor ao comprender que a súa obra non ten unha mensaxe.
Son pezas abertas deseñadas para “evocar o que cada un sinta no momento”, tal e como relata.
Ela soamente propón e deixa en mans do espectador a complicada pero divertida tarefa de descodificar o cadro e darlle un significado, aínda que non o teña.
A artista formada en Compostela seguirá explorando as cores e as formas. Seguramente, aínda que non haxa unha explicación lóxica, a través do círculo.
Volver ao punto onde todo comezou sempre é bonito. Por iso, quizais, a circunferencia está tan presente en todas as nosas producións artísticas.