Reportaxe | A Vozes, a plataforma que dá voz á xeración Z

O xornalista Raúl Salgueiro recibiu a prestixiosa bolsa Nacho Mirás para impulsar o seu proxecto, un novo medio que procura difundir o talento mozo galego a través do slow jorunalism
Reportaxe | A Vozes, a plataforma que dá voz á xeración Z
Raúl Salgueiro, creador do proxecto ‘Avozes, Cultura Z’ | CEDIDA

Raúl Salgueiro (Meaño, 2000) é xornalista. Dos pés á cabeza, aínda que a súa vocación nada ten que ver cos medios de comunicación tradicionais. Para el, son necesarias novas plataformas que escoiten, dean voz e falen directamente para as novas xeracións. 


Por este motivo decidiu emprender o seu propio proxecto: A Vozes (www.avozes.online), unha iniciativa que mestura o xornalismo lento coa creación cultural en redes sociais. Así mesmo, a orixinalidade da idea valeulle para recibir a prestixiosa bolsa Nacho Mirás, un recoñecemento que premia a innovación en proxectos que fagan avanzar o panorama mediático galego.


O seu obxectivo é claro: ofrecer un espazo para as manifestacións culturais que máis poidan interesar aos zoomers, unha xeración que, segundo explica Salgueiro, “adoita atopar dificultades para ver reflectidos os seus intereses e inquedanzas nos medios tradesdicionais”. 


Así, este novo xornal quere ser un escaparate para artistas, creadores e novos talentos que irrompen nos campos da música, a literatura e o cinema, favorecendo non só a súa difusión, senón tamén o seu acceso ao público de maneira atractiva e innovadora.

 

 


Ao mesmo tempo, a cultura preséntase con tempo e reflexión, aliándose co slow journalism para atender as necesidades de usuarios que buscan, do mesmo xeito, unha experiencia informativa máis pausada e analítica.


O recoñecemento que supón a bolsa Nacho Mirás é para Salgueiro un impulso para continuar apostando por este tipo de proxectos que, ademais de dar visibilidade á xeración Z, procuran crear pontes entre o novo talento e a sociedade galega.

 

Como xornalista, que se sente ao ser recoñecido coa prestixiosa bolsa Nacho Mirás?
Foi unha sorpresa enorme. O proxecto nace como parte do meu TFG. Cando o defendín, animáronme moito a presentalo á Nacho Mirás. Pareceume boa idea e dixen: “por que non?”. Así, o que empezou como un traballo académico para finiquitar a carreira foi recompensado por un xurado que sabe cousas (risas). Son xente que sabe moito da materia e que che valoren e dean a oportunidade de concederche unha axuda para mellorar o proxecto é algo moi enriquecedor.

 

Que é exactamente A Vozes?
Eu quería marchar da Facom cun proxecto. Non son nada metódico para a investigación nin nada semellante, así que o que fixen foi xuntar varias cousas que me apaixoan e o ámbito ao que quero dedicarme, que é a cultura galega. Xuntei as dúas cousas e creei esta plataforma, que máis que un medio é un altofalante para as persoas que teñan algo que dicir; fundamentalmente millennials e xeración Z.

 

 

 

O seu proxecto combina organicamente o uso de diferentes formatos e plataformas. Cales son os xéneros xornalísticos polos que transita?
Hai dúas vías. A primeira é unha web na que volcarei pezas máis dun estilo slow journalism e lectura en detalle, como entrevistas e reportaxes. En definitiva, o que non ten cabida en Instagram, onde haberá vídeos reportaxeados e onde se lle dará máis voz aos protagonistas.

 

“Como consumidor, sinto que falta certa proximidade entre o xornalismo cultural e a mocidade. Creo que a presenza dun medio novo podería favorecer a reconexión entre as dúas partes” 

 

A súa idea é facer pezas de consumo lento para a xeración Z. Como logrará facer que un segmento de idade tan acostumado á inmediatez atope interesantes as propostas?
O ámbito cultural está moi ligado ao xornalismo lento. Fundamentalmente, porque a cultura require tempo. Non será doado achegar este produto á mocidade, pero creo que a canle de Instagram poderá facer de gancho.

 

En que se traducirá a axuda económica da bolsa?
Unha parte a empregarei para poder consumir produtos culturais en galego e despois facer contido sobre eles. Outra, sería para material que tamén preciso. Despois, penso que tamén é importante fixarme un pequeno salario, aínda que sexa unha porcentaxe ínfima.

 

Que mensaxe lle deixaría aos xornalistas acabados de graduar que senten incerteza con relación ao mundo laboral?
Diríalles hai nada de tempo eu estaba coma eles. É importante que esperen e que fagan todo coa maior honestidade posible, xa que todo acaba chegando. É unha profesión na que o máis importante é ser amable e bo compañeiro.  l

Reportaxe | A Vozes, a plataforma que dá voz á xeración Z

Te puede interesar