“Revelando Compostela”: os Centros Socioculturais convidan á veciñanza a redescubrir o municipio

“Revelando Compostela”: os Centros Socioculturais convidan á veciñanza a redescubrir o municipio
Zona Vieja de Santiago. Foto de Eladio Lois

A rede de Centros Socioculturais do Concello de Santiago lanza o programa “Revelando Compostela”, unha proposta de roteiros deseñada para que a veciñanza se achegue dun xeito diferente aos espazos do seu municipio. O obxectivo: coñecer mellor a riqueza natural, histórica e patrimonial de Santiago, tanto nos seus espazos máis coñecidos como noutros moito menos transitados.

 

A iniciativa, presentada polo concelleiro Xan Duro, inclúe once roteiros durante os meses de maio e xuño, dos cales dous serán en bicicleta. As persoas interesadas poderán inscribirse a partir do martes 22 de abril, presencialmente no centro sociocultural Maruxa e Coralia ou a través do teléfono 981 542 456. Cada roteiro contará cun máximo de 20 prazas.

 

 

Dous tipos de percorridos para mirar Compostela con outros ollos

O programa estrutúrase en dúas liñas principais. Por unha banda, os roteiros “Camiños e aldeas con historia”, centrados na zona rural; por outra, os “Roteiros de autor”, percorridos polo ámbito urbano e periurbano cun enfoque na recuperación da memoria colectiva.

 

“Queremos que a veciñanza descubra espazos do rural que aínda son grandes descoñecidos, pero tamén que redescubra lugares polos que pasa cada día sen coñecer o que agochan”, explicou o edil, que destacou tamén o carácter “reivindicativo e de posta en valor da memoria” desta proposta.

 

Camiños e aldeas con historia

A sección rural do programa inclúe cinco roteiros: tres a pé e dous en bicicleta.

 

  • 3 de maio: saída desde o CSC da Peregrina, percorrido pola aldea do Bargo, Miramontes e Marzo de Arriba, con especial atención ás pontes medievais do Gatofero, Camiño Real e Castro da Croa.
  • 10 de maio: desde o CSC da Gracia, visita a Bálsoma e A Xesteira, os seus muíños e a antiga central eléctrica.
  • 23 de maio: saída desde Enfesta cara ao Castro de Formarís, a vella estación da Sionlla e a casa consistorial do antigo concello, pasando por Formarís, Penelas e A Costa.

 

 

As rutas en bicicleta terán lugar o 4 e o 11 de maio. A primeira irá polas ribeiras do Tambre, con saída desde a Casa Agraria de Meixonfrío, e a segunda explorará o Monte da Costa Negra, partindo do CSC do Romaño. Para participar nestas saídas será necesario ter cumpridos 14 anos.

 

Roteiros de autor: Santiago como escenario de historias vivas

Estes roteiros céntranse na cidade e os seus arredores, e propoñen seis percorridos únicos:

 

  • 14 de maio: desde o CSC Maruxa e Coralia, visita ampliada aos pazos de Compostela, un roteiro que xa triunfara na programación de Nadal.
  • 19 de maio: andaina polo río Sarela, desde a ponte de Asén ata Pontepedriña de Arriba.
  • 24 de maio: visita guiada e teatralizada ao Casino de Santiago, un espazo emblemático da cidade.
  • 12 de xuño: “Orgullosos de Lorca en Compostela”, roteiro con motivo do Orgullo LGTBI, centrado nos espazos vencellados a Federico García Lorca.
  • 19 de xuño: “Freiras e non tan submisas”, con saída desde Santa Clara, para descubrir a historia das mulleres nos conventos e os espazos de liberdade que atoparon neles.
  • 26 de xuño: percorrido polos Cafés históricos de Santiago, como o Suízo, o Español, o Quiqui Bar ou o Derby.

 

Inscricións

As persoas interesadas poderán inscribirse a partir do martes 22 de abril no centro sociocultural Maruxa e Coralia, situado na cidade histórica, ou chamando ao 981 542 456. Cada roteiro conta cun límite de 20 prazas, polo que se recomenda formalizar a inscrición con antelación.

“Revelando Compostela”: os Centros Socioculturais convidan á veciñanza a redescubrir o municipio

Te puede interesar