O traballo de fin de grao é un proxecto que a moitos estudantes se lles atragoa por ser o último da súa etapa coma universitarios, o documento final que lles permitirá acceder ao seu ansiado título.
É importante, para non sufrir demasiado durante o proceso, escoller un tema agradable, do gusto do propio alumno. Grazas a iso, de vez en cando saen propostas verdadeiramente interesantes, xa non só dentro do ámbito académico senón que traspasan fronteiras e se converten en iniciativas de interese para a sociedade.
Era o obxectivo de Leila Fernández con 'Brinko', o seu TFG para optar ao grao de Xornalismo na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. Despois dunha experiencia errada cun traballo que nada a motivaba, decidiu cambiar de tema e entrar nun proxecto moito máis práctico e profesional.
A tese de fin de carreira foi a escusa que Leila precisaba para sacar adiante unha idea que levaba anos rondando a súa cabeza: “Vía complicado levala a cabo eu soa, pero decidín que era o momento. Pensei: Leila, faino e xa está. Se non fose polo TFG seguramente non o faría porque me daba medo, nunca sabes como van saír estas cousas”, explica.
Porén, quen non arrisca non gaña. Leila tirouse á piscina e grazas a iso conseguiu xerar un produto que non deixará indiferente a ninguén, especialmente aos amantes da moda. 'Brinko' é unha revista que, en palabras da súa creadora, supón “un escaparate para a creación en Galicia. Unha grande parte está dedicada á moda, pero fálase tamén de literatura, do audiovisual, de fotografía… aínda que si, sempre co trasfondo da moda”.
Brinko é un escaparate para a creación en Galicia. Unha grande parte está dedicada á moda, pero fálase tamén de literatura, do audiovisual, de fotografía…
Pretende, á súa vez, efectuar un labor de apoio a eses novos creadores que comezan a se facer un oco en Galicia: “É unha forma de crear comunidade entre a xente que está empezando a facer cousas e que o ten máis complicado á hora de saír en revistas. 'Brinko' é a opción de ter unha fiestra directa. Eu, que son moi defensora da información local, quero contar o que temos dentro, en Galicia”.
É unha forma de crear comunidade entre a xente que está empezando a facer cousas e que o ten máis complicado á hora de saír en revistas. Eu, que son moi defensora da información local, quero contar o que temos dentro, en Galicia
A Leila sempre lle gustou moito a moda e, por ende, compra revistas desta temática desde que tiña 11anos. Con todo, eran revistas de fóra as que adoitaba consumir. “Sinto que en Galicia non hai apenas anda neste sector. Nos últimos anos deime de conta do necesario da normalización, que para min pasa por que haxa en todos os ámbitos a posibilidade de consumir contidos informativos en galego”.
Nos últimos anos deime de conta do necesario da normalización, que para min pasa por que haxa en todos os ámbitos a posibilidade de consumir contidos informativos en galego
A revista 'Brinko' cobre, por fin, o eido da moda en Galicia. “Ademais é como o meu soño de pequena, ter a miña propia revista! Daquela non sabía que se podía ser xornalista de moda, para min só existía a opción de ser deseñadora e eu non quería selo. Cando descubrín se podía facer información sobre moda… en fin, aquí me tes”, comenta.
Trátase dunha iniciativa impulsada só por ela, aínda que no proceso contou coa colaboración de “moitísima xente porque a intención é facer comunidade. De verdade, hai moita axuda detrás destas páxinas”.
Admite que comezou “tarde” a traballar en 'Brinko', máis ou menos a finais de marzo: “O que si que fixen foi meter moitas horas. Traballaba polas mañás e estaba ata as doce da noite coa revista. Tiña que buscar os modelos, contactar con eles, pensar os conceptos, estilismos, quedar con eles, facer entrevistas, maquetar…”. Un labor inxente que por fin ten forma: “Ás veces penso que levo meses traballando nisto e son catro páxinas, pero é que leva moitísimo tempo”.
A revista 'Brinko' sairá en papel. “Creo que as revistas de moda non teñen sentido en dixital. Son consciente de que é un formato difícil de vender, caro, e que xa non se consume tanto. Por iso tamén fago difusión en redes”.
Creo que as revistas de moda non teñen sentido en dixital. Son consciente de que é un formato difícil de vender, caro, que xa non se consume tanto. Por iso tamén fago difusión en redes
Para chegar ao seu público leva meses facendo, a través de redes coma Instagram e Tik Tok, pequenos avances do que o lector se poderá atopar na revista. Ademais, impulsará unha preventa para poder calcular cantos exemplares imprimir.
En contra da súa idea inicial, a revista 'Brinko' non está dirixida soamente á xeración Z: “Polos temas igual son aos que máis lles interesa, pero non considero que sexa tan exclusiva. Quizais a lean máis mulleres porque estatisticamente son quen máis consomen estes contidos, pero en síntese penso que pode interesar a xente que estea minimamente atraída a toda a escena cultural emerxente de Galicia, especialmente na moda”.
Penso que 'Brinko' pode interesar a toda a xente que estea minimamente atraída pola escena cultural emerxente de Galicia, especialmente na moda
Como avance, Leila subliña o atractivo de reportaxes como unha sobre o fenómeno de herdar roupa cando somos pequenos e, posteriormente, xa maiores. Tamén destaca a que será a entrevista principal, unha conversa coa cantante Hydn na que “exploramos a súa faceta a nivel estilo como artista, é dicir, o que é a moda para ela. Todos coñecemos aos cantantes e fixámonos nos seus outfits, pero non sabemos o que hai detrás de todo isto. Ás veces atópanse historias chulas”, indica Leila.
En función da acollida que teña 'Brinko', Leila terá que tomar unha decisión sobre o seu futuro: “Encantaríame seguir, porque é o meu soño facer isto toda a vida, pero é moito traballo e tería que ir moi moi ben para que eu seguise. Quizais poida valorar novas alternativas, como sacala unha vez ao ano con máis páxinas e complementala en dixital. Gustaríame facer unha web para subir artigos semanalmente ou incluso publicar vídeos en redes. Non sei cal será o futuro pero sería xenial que seguise”.
O lanzamento oficial de 'Brinko' está previsto para o vindeiro 31 de outubro, pero aínda é posible adquirir unha copia na súa prevenda. Leila promételle tres cousas aos que decidan facelo: “Variedade porque hai un pouco de todo, novos talentos e moita ilusión. Ah, e fotos bastante chulas!”.