Rosón acusa á alcaldesa de frear o proxecto da parcela do Peleteiro por intereses electorais

Rosón acusa á alcaldesa de frear o proxecto da parcela do Peleteiro por intereses electorais
Fotograma do video publicado polo Grupo Municipal Socialista

O Grupo Municipal Socialista de Santiago de Compostela confirmou que votará a favor da modificación puntual do PXOM que permitirá desbloquear o proxecto do antigo Peleteiro. Segundo a edil Mercedes Rosón, esta decisión responde a unha postura “coherente, responsable e sensata”, pois o plan é o mesmo que xa levaron a pleno en 2022 e que nese momento foi bloqueado pola oposición.

 

Rosón criticou a alcaldesa Goretti Sanmartín (BNG), lembrando que naquel pleno de decembro de 2022 optou pola abstención, malia recoñecer entón que se trataba dunha “boa nova”. Segundo a edil socialista, agora a súa formación non caerá “en tacticismos políticos nin xogará á ambigüidade para crear suspense”.

 

O proxecto mantén os mesmos parámetros

A concelleira insistiu en que o plan actual para a parcela do Peleteiro non varía respecto ao de 2022, salvo un incremento da porcentaxe de vivenda protexida, decisión que atribúe ao compromiso do Goberno central coa política de vivenda. O resto do proxecto mantense igual: 15.500 metros cadrados para uso residencial, 400 prazas de aparcamento, 900 metros cadrados para equipamento público e a creación dun centro de día e un centro sociocultural.

 

Sobre a orientación da praza pública, outra das cuestións debatidas no pasado mandato, asegurou que se mantén a disposición cara a rúa San Pedro de Mezonzo para garantir unha mellor iluminación.

 

Críticas pola parálise do proxecto

Rosón lamentou que “as vivendas que hoxe se proxectan xa poderían estar en construción se non fose pola irresponsabilidade da oposición en 2022”. A edil socialista acusou a BNG, Compostela Aberta e PP de bloquear a operación naquel momento para provocar “unha derrota política ao goberno socialista”.

 

Compromiso co orzamento de 2025

Os socialistas tamén confirmaron o seu voto favorable aos orzamentos municipais de 2025, en cumprimento do acordo asinado en xaneiro polo portavoz do grupo, Gonzalo Muíños. “Hoxe hai quen quere xogar co suspense mesmo nos orzamentos, pero nós preferimos ser responsables e sinceras”, concluíu Rosón.

 

Rosón acusa á alcaldesa de frear o proxecto da parcela do Peleteiro por intereses electorais

Te puede interesar