O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia poñen en marcha a décima edición do programa Scratch Day, unha iniciativa consolidada que cumpre dez anos achegando a programación informática á rapazada e fomentando vocacións no ámbito STEAM desde idades temperás.
O programa desenvolverase do 20 de setembro ao 4 de outubro en aulas da Rede CeMIT situadas en catro concellos: Tui, A Cañiza, A Coruña e Cuntis. Como novidade, os obradoiros incluirán este ano o uso da intelixencia artificial con Scratch, o que permitirá ao alumnado crear videoxogos, experimentar con MicroBit e montar prototipos como semáforos ou sistemas de iluminación automatizada, ademais de adestrar modelos básicos de machine learning.
O 18 de outubro celebrarase a xornada de clausura na Sala Eisenman da Cidade da Cultura de Santiago, cunha actividade aberta ao público que xa admite inscricións a través da web scratchday.cpetig.gal. Paralelamente, organizarase unha formación específica para profesorado e formadores, centrada nas vantaxes de empregar estas ferramentas no ensino para potenciar creatividade, resolución de problemas e espírito emprendedor.
En paralelo, púxose punto final en Guitiriz aos obradoiros Girl Steam, celebrados durante o verán e a primeira semana de setembro en 14 concellos galegos. Preto de 300 rapaces e rapazas de entre 8 e 15 anos participaron nestas actividades, que se simultanearon cos Seminarios de Control Parental.
O prazo de inscrición para participar no Scratch Day xa está aberto a través do portal da Rede CeMIT. As rapazas e rapaces interesados deben acudir acompañados dun adulto ás sesións formativas.