A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Deputación da Coruña, organizará entre o 16 e o 19 de xuño un ciclo de conferencias que afondará na importancia do mar para Galicia e nos principais desafíos que afronta: o cambio climático, a xestión sostible dos recursos mariños e o desenvolvemento das enerxías renovables.
O evento, titulado “Velando pola nosa relación co mar. Os mares dannos vida”, celebrarase en dúas sedes: o Castelo de Santa Cruz (Oleiros), nos días 16 e 17, e a Facultade de Bioloxía da USC (Santiago de Compostela), o 18 e 19. Todas as sesións serán de 16:30 a 20:00 horas e tamén poderán seguirse en directo a través do canal de YouTube da RAGC.
Coordinado polos investigadores do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (IIM-CSIC) Fiz Fernández Pérez, académico da RAGC, e Miguel Gil Coto, o ciclo contará coa participación de destacados expertos de centros galegos, estatais e europeos, que abordarán cuestións como:
O ciclo tamén porá en valor a dimensión socioeconómica do mar en Galicia, onde máis da metade da poboación vive na costa. A comunidade conta con preto de 4.500 buques, cun volume de capturas de peixe fresco superior ás 130.000 toneladas anuais e unha facturación media de 435 millóns de euros ao ano.
Segundo os organizadores, o marisqueo a pé dá sustento directo a unhas 4.000 persoas, mentres que o cultivo do mexillón, con 3.300 bateas e 11.500 traballadores, sitúa a Galicia como líder estatal e rexional en produción acuícola.
Ademais, Galicia é a décima exportadora mundial de produtos da pesca, con actividade comercial en 121 países e rede de distribución que inclúe 65 lonxas e 127 portos.
A actividade mariña galega está sustentada por unha profunda pegada cultural, que se manifesta tanto en patrimonio arquitectónico, arqueolóxico e etnográfico como en tradicions orais, festas, gastronomía e oficios vinculados ao mar. Este vínculo segue medrando con iniciativas relacionadas co turismo e o deporte náutico.
O ciclo está aberto a toda persoa interesada, especialmente a profesionais e estudantes vinculados á pesca, acuicultura, oceanografía, enerxías renovables ou divulgación científica. A inscrición é gratuíta, tanto para asistir presencialmente como para seguir as sesións en liña, a través da web oficial da RAGC.