O Concello de Santiago vén de poñer en marcha os traballos técnicos necesarios para iniciar a tramitación da declaración de dous espazos do rural compostelán como Espazos Naturais de Interese Local (ENIL): o souto da parroquia de Villestro e a contorna natural das parroquias de San Xoán e Santa Cristina de Fecha.
Ambos proxectos forman parte dunha iniciativa municipal centrada na protección, conservación e posta en valor do patrimonio natural do concello, e contan cun investimento conxunto de 15.730 euros, financiados con cargo á partida de estudos e traballos técnicos da área de Sustentabilidade Ambiental.
O concelleiro de Medio Ambiente, Xesús Domínguez, explicou que “estas actuacións permiten dar os primeiros pasos para protexer legalmente dous espazos de alto valor ecolóxico e paisaxístico, garantindo o seu coidado e promovendo un modelo de convivencia sostible co medio natural”.
Segundo destacou o concelleiro, “con esta iniciativa Santiago aposta por fortalecer a rede de espazos naturais protexidos no termo municipal, recoñecendo a importancia do medio rural como parte esencial do territorio e da identidade da cidade”.
O Concello prevé continuar traballando en novas propostas de protección ambiental noutras parroquias do municipio nos vindeiros anos, como parte da súa estratexia local de acción polo clima e preservación da biodiversidade.