O consumo de analxésicos opioides, tranquilizantes, cannabis, bebidas enerxéticas e cigarros electrónicos incrementouse en España entre 2005 e 2024, segundo recolle unha monografía publicada no marco do proxecto financiado polo Plan Nacional sobre Drogas “Detección e vixilancia dos determinantes das adiccións a partir de datos de enquisas, administrativos e grupos sentinela”. A investigación, coordinada pola profesora da USC Mónica Pérez Ríos en colaboración co Ministerio de Sanidade, analiza a evolución do consumo de drogas e perfís de persoas consumidoras.
Tal e como evidencia a investigación, a prevalencia de consumo de analxésicos opioides con e sen receita médica nos últimos 30 días aumentou entre 2018 e 2024, tanto en homes como en mulleres. “A prevalencia foi sempre máis alta en mulleres e no grupo de idade de 35-64 anos”, explica a profesora da USC.
No relativo á prevalencia de consumo de tranquilizantes e somníferos con e sen receita médica nos últimos 30 días, detectouse no período 2005-2024, en ambos os sexos, un aumento. “A prevalencia de consumo foi máis alta en mulleres en calquera dos anos analizados”, subliña Pérez Ríos. A prevalencia aumentou en todos os grupos de idade, sendo máxima no grupo de 55-64 anos. Con todo, o maior aumento na prevalencia “observouse no grupo de poboación coa prevalencia de consumo máis baixa, aqueles con idades comprendidas entre os 15-24 anos, tanto en homes como en mulleres”.
Entre 2005 e 2024, a prevalencia de consumo de cannabis aumentou con independencia do sexo e da idade tanto no contexto da experimentación como no consumo diario. A prevalencia de consumo de cannabis foi sempre máis alta en homes e no grupo de idade de 15-34 anos.
No relativo ás bebidas enerxéticas, a prevalencia de consumo (soas ou en combinación con alcol) aumentou en ambos os sexos, sendo sempre máis alta en homes. Ao diferenciar por grupos de idade, destaca o aumento na prevalencia de consumo no grupo de 15-34 anos.
Finalmente identificouse un aumento da prevalencia de uso de cigarros electrónicos algunha vez na vida, posiblemente asociado á experimentación con estes produtos, e na prevalencia de uso nos últimos 30 días. O grupo de idade de 15-34 anos mostrou a prevalencia máis alta, con menores diferenzas en función da idade no caso das mulleres.
A prevalencia de consumo de tabaco permaneceu estable entre 2005 e 2022, observándose en 2024 un lixeiro descenso da prevalencia tanto en homes como en mulleres.
Entre 2005-2024 non se identificaron cambios relevantes na prevalencia de consumo de alcol para ningún dos marcos temporais para os que se evoca o recordo do consumo. A prevalencia foi sempre máis alta en homes, permanecendo estable ou mesmo diminuíndo lixeiramente, mentres que en mulleres observáronse estabilizacións ou aumentos lixeiros.
No que respecta ao coñecido como binge drinking, entre 2005 e 2024, a prevalencia global de “atracón por consumo de alcol” nos últimos 30 días mantívose estable. A prevalencia foi sempre máis alta en homes, aínda que a diferenza entre sexos diminuíu co tempo ao aumentar esta forma de consumo en mulleres. “Nas mulleres de 15-34 anos, a prevalencia de atracón por consumo de alcol practicamente duplicouse ao longo do período estudado”, explica a investigadora. En 2024, a prevalencia no grupo de idade de 25-34 anos superou por primeira vez a prevalencia no grupo de 15-24 anos.