O parque Eugenio Granell converterase este venres, 23 de maio, nun escenario festivo e cultural coa celebración da Foliada das Letras Galego-Portuguesas ‘Agora cantamos nós!’, unha iniciativa promovida por Ponte...Nas Ondas! coa colaboración do Concello de Santiago, a Deputación da Coruña, o Consello da Cultura Galega e a Xunta de Galicia.
O evento, enmarcado na programación do Banquete de Conxo e na conmemoración do Día das Letras Galegas 2025, que este ano rende homenaxe ás cantareiras e á tradición oral, pretende poñer en valor o patrimonio musical compartido entre Galicia e Portugal, achegándoo ás novas xeracións a través da música, o baile e a participación activa dos centros educativos.
A foliada reunirá en Santiago 500 mozos e mozas de 15 centros de Galicia e do norte de Portugal, que compartirán escenario con grupos de música profesionais e portadores da tradición oral, nunha auténtica romaría escolar das letras galego-portuguesas.
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, destacou a importancia de preservar e visibilizar unha tradición oral “transmitida xeración tras xeración mesmo en contextos de menosprezo”, e valorou o papel de Ponte...Nas Ondas! como ONG consultora da UNESCO para o Patrimonio Cultural Inmaterial, única entidade acreditada en Galicia nese ámbito.