A terceira edición do certame de programación universitaria AdaByron Galicia 2024 celebrouse o
pasado venres, 12 de abril, nos tres centros do Sistema Universitario Galego que ofertan Grados en Enxeñaría Informática: Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC), Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago (USC), e Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo (UVIGO) no Campus de Ourense.
A proba buscaba aos mellores equipos universitarios de programación competitiva. Así, equipos de tres estudantes competiron en diferentes categorías segundo o seu curso de estudos. Participaron 24 equipos entre as tres sedes que durante as catro horas de concurso enfrontáronse a 11 problemas de diferente dificultade.
No caso do alumnado de cursos superiores —a categoría xeral—, o equipo gañador foi o da USC, formado por Xiana Carrera Alonso, Pablo Díaz Viñambres e Pablo Landrove Pérez-Gorgoroso. Resolveron 9 dos 11 problemas formulados.