Santiago destina 20.000 euros a entidades que traballan co autismo e o síndrome de Asperger

As asociacións ASPANAES e ASPERGA recibirán unha achega municipal de 10.000 euros para programas de orientación, apoio familiar e primeira consulta
Santiago destina 20.000 euros a entidades que traballan co autismo e o síndrome de Asperger
No caso de ASPANAES, o convenio municipal permitirá duplicar a dotación recibida o ano pasado. Foto de arquivo dunha actividade realizada pola entidade en Compostela

O Concello de Santiago vén de reforzar o seu compromiso co benestar das persoas con trastorno do espectro autista (TEA) e das súas familias a través da ampliación das colaboracións co tecido asociativo especializado. A Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, que dirixe María Rozas, aprobou esta semana un novo convenio de colaboración coa Asociación Galega de Asperger (ASPERGA) e incrementou ata os 10.000 euros a achega destinada a ASPANAES, asociación coa que xa mantiña unha liña de traballo conxunto.

 

 

Con esta medida, cada unha das dúas entidades recibirá unha achega de 10.000 euros, que permitirá impulsar programas clave para o acompañamento das persoas con TEA e para facilitar o acceso das familias a información e recursos específicos.

 

Dobre apoio para ASPANAES e novo convenio con ASPERGA

No caso de ASPANAES, o convenio municipal permitirá duplicar a dotación recibida o ano pasado e destinarase á execución do seu programa de información, orientación, valoración e apoio familiar. Trátase dun servizo que busca mellorar a calidade de vida das persoas con diagnóstico de TEA, tanto a través da atención directa como mediante a derivación a recursos públicos ou privados dispoñibles.

 

Pola súa banda, ASPERGA asina por primeira vez un convenio de colaboración co Concello de Santiago. A achega de 10.000 euros permitirá financiar o seu programa de orientación e asesoramento telefónico e de primeira consulta, un servizo gratuíto que ofrece unha atención inicial individualizada por parte de persoal técnico especializado, coa finalidade de elaborar un plan de acción adaptado ás necesidades de cada persoa usuaria.

Santiago destina 20.000 euros a entidades que traballan co autismo e o síndrome de Asperger

Te puede interesar