Santiago acollerá nos días 19, 20 e 21 de setembro “Artesanamente”, unha iniciativa que reunirá a preto de medio cento de marcas de artesanía de diferentes disciplinas, incluida a artesanía alimentaria. O mercado, que conta co apoio do departamento municipal de Comercio, vai acompañado dunha ampla programación paralela, con exhibicións de artesáns traballando en directo, faladoiros e conferencias.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas; presentou “Artesanamente” nunha rolda de prensa na que participaron o director do mercado, Manuel Moledo, de Aquelando Eventos; Carmen Pita, directora de Promoción de Turismo de Galicia; Ricardo Rivas, xefe da área de Calidade Alimentaria a Axencia Galega de Calidade Alimentaria; e Laura Fontenla, subdirectora xeral de Artesanía, Entidades e Promoción Comercial.
O mercado “Artesanamente” desenvolveráse na sede de AFundación, na rúa do Vilar, os días 19, 20 e 21 de setembro. O evento está concibido como un espazo singular para darlle visibilidade ao talento dos artesáns e artesás locais, cunha selección de produtos únicos elaborados en Galicia. Un total de 25 artesáns e artesás de toda Galicia mostrarán e venderán os seus produtos, xunto con 23 marcas de artesanía alimentaria. Deste modo, xuntaranse nun mesmo espazo marcas e produtos que van desde a xoiaría, a forxa ou a cesteiría ata a cervexa, os xeados artesáns ou os viños e embutidos.
Ademais dos diferentes postos de artesanía, “Artesanamente” inclúe unha programación paralela moi ambiciosa, que terá como un dos seus grandes atractivos a conferencia que o deseñador Lorenzo Caprile ofrecerá na tarde do venres no Centro Galego de Arte Contemporánea. Tal e como explicou Manuel Moledo, “Caprile, que se autodefine como modista, defende sempre que o seu traballo bebe directamente da artesanía, e por iso quixemos contar coa súa presenza para este evento”.
Ademais desta conferencia, están previstas outras como a de Octavio Vázquez, da empresa Pau de Pedra, que falará sobre cantería tradicional e novas tecnoloxías; ou a de Elena Ferro e Álvaro Pin sobre “Os zocos dignificados”. Tamén haberá presentacións como a de Prímula ou do cuño de Artesanía Alimentaria de Galicia.
Na programación inclúense mostras de diferentes oficios, con artesáns que traballarán en directo na rúa do Vilar. Participarán os canteiro do CIFP de Cantería de Galicia, as redeiras da Asociación Redeiras Illa da Estrela de Corme, e o zoqueiro Álvaro Pin, “un mozo de Lugo de só 18 anos que está traballando a reo pola recuperación do oficio”. Por último, no domingo haberá un pequeno desfile polas rúas de Santiago a cargo da Asociación do Traxe Galego.