O Concello de Santiago ten actualmente 18 actuacións en marcha para mellorar a accesibilidade no municipio, cun investimento total que supera os 366.000 euros. Así o explicou este mércores o concelleiro de Servizos Básicos e Vías e Obras, Xesús Domínguez, nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polo xefe do servizo de Obras, Antonio Ranedo.
Na súa intervención, Domínguez destacou que estas intervencións forman parte do Plan de Accesibilidade Universal de Santiago de Compostela, presentado no pasado mes de febreiro e elaborado coa participación cidadá. “A accesibilidade universal ten como misión garantir a igualdade de oportunidade de todas as persoas”, sinalou.
O documento serve como folla de ruta municipal para todas aquelas accións que procuran a igualdade de acceso aos espazos públicos, ao transporte e ás comunicacións institucionais, e non só á infraestrutura urbana.
As intervencións abranguen 14 puntos diferentes e foron definidas a partir de incidencias rexistradas a través da liña verde, aplicacións móbiles e o rexistro municipal. O proxecto, cun orzamento de 189.956 euros, comezou a primeira semana de maio e terá unha duración de oito meses.
Os traballos xa afectan ou afectarán en breve a rúas como do Río, do Lavadoiro, do Avío, dos Irmandiños, de Betanzos, dos Xasmíns, costa do Vedor, Varsovia, Berlín, Dublín, Outeiro de Sar e do Hórreo, así como á zona do campo de San Clemente, conectando con novas zonas xa accesibles como a recentemente renovada do Pombal.
Ademais, está case finalizada a obra no cruzamento das rúas Xeneral Pardiñas e República de El Salvador, no Ensanche, cun orzamento de máis de 50.000 euros, mentres que os pasos elevados das rúas dos Loureiros e das Rodas melloran a seguridade viaria nos itinerarios escolares, en concreto os accesos ao CEIP da Estila e á escola infantil Galiña Azul.
Domínguez tamén anunciou o inicio das obras de reparación da Ponte do Sar, que comezarán o luns 9 de xuño ás 8:00 horas e se prolongarán ata o sábado 14 de xuño ás 15:00 horas. Esta actuación, cun orzamento de 11.930 euros, obrigará a cortar o tráfico na zona.
Desde o departamento de Mobilidade, dirixido por Xan Duro, xa se coordinaron os desvíos alternativos coas autoridades de tráfico e informouse ao transporte escolar. As rutas alternativas serán polas rúas Picaños, da Estrada e Restollal, ou ben pola rúa Diego Bernal e o barrio das Fontiñas.