O goberno municipal dá un novo paso na súa estratexia para facer fronte á escalada dos prezos da vivenda. O concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás, anunciou este venres a celebración da segunda reunión da mesa sectorial de vivenda, prevista para o 22 de maio ás 12.00 horas no Pazo de Raxoi. Nesta sesión presentarase o plan definitivo de medidas correctoras, centrado en dous piares: a mobilización da vivenda baleira e a ampliación da oferta de vivenda protexida.
A convocatoria chega tras a incorporación das achegas recollidas na primeira xuntanza e forma parte da documentación esixida pola Xunta para que Santiago poida ser recoñecida como zona de mercado residencial tensionado.
Un dos datos máis significativos que sustenta o plan é a existencia de 6.198 vivendas baleiras, segundo o INE, o que supón un 23,2 % do parque residencial infrautilizado. Para reverter esta situación, o Concello prevé establecer un gravame específico para inmobles desocupados de forma permanente, modificando a ordenanza fiscal do IBI.
A proposta inclúe tamén a colaboración co IGVS para fortalecer o censo autonómico de vivendas baleiras e a incorporación ao programa de alugueiro da Xunta para facilitar a súa saída ao mercado.
O plan contempla a modificación das ordenanzas fiscais municipais para incentivar actuacións que aumenten a oferta de vivenda protexida. Así, prevese aplicar bonificacións no IBI e no ICIO a promocións públicas, vivendas protexidas e cooperativas en cesión de uso.
A maiores, o Concello iniciará un programa de rehabilitación integral en edificios municipais abandonados. O primeiro paso será a recuperación de cinco inmobles en ruína na rúa Caramoniña, actualmente cualificados como equipamento público asistencial.
Outra das claves do plan será a mobilización de solo para vivenda protexida, mediante fórmulas como cesións, dereitos de superficie ou venda de terreos municipais. Tamén se avanzará na simplificación administrativa, reducindo prazos de licenzas, eliminando avais en pequenas obras e axilizando as melloras na envolvente dos edificios existentes.
O goberno local destaca o descenso do número de pisos turísticos como un efecto positivo das políticas implementadas. Santiago é agora unha “anomalía” no contexto internacional, cunha tendencia á baixa que favorece a incorporación de máis inmobles ao mercado residencial.
A declaración de zona tensionada non será un punto de chegada, senón unha ferramenta para conter os prezos da vivenda no curto prazo, mentres se implantan medidas estruturais a nivel local, autonómico e estatal. O plan de medidas ten un horizonte de tres anos, entre 2025 e 2028.
A nova reunión da mesa sectorial será clave para avanzar cara a esa solicitude. Nela participan expertos universitarios, colexios profesionais, asociacións veciñais e entidades sociais, nun espazo de traballo compartido que busca respostas plurais e efectivas ante unha crise que afecta xa a centos de familias compostelás.
O 22 de maio, Compostela senta de novo a falar do seu futuro residencial.