Que significa o slogan da nova campaña turística de Santiago de Compostela?

O Concello animará a visitar Compostela "con tempo" este xoves na Fitur 2025
Que significa o slogan da nova campaña turística de Santiago de Compostela?
A concelleira Míriam Louzao na presentación da nova campaña

O Concello de Santiago anunciou onte a campaña que presentará este próximo xoves na Feira Internacional de Turismo (Fitur) que terá lugar en Madrid. Baixo o lema ‘Compostela con tempo, Santiago con todo’, esta nova iniciativa ten como obxectivo principal promover un turismo máis sostible e respectuoso coa identidade local.


Tal e como explicou a concelleira de Turismo, Míriam Louzao, o lema da campaña sintetiza un modelo que aposta por estadías máis longas e profundas, afastadas das visitas superficiais e estandarizadas. 
Así mesmo, Louzao destacou que o proxecto tamén busca harmonizar a convivencia entre visitantes e veciñanza: “Queremos que a experiencia turística leve o selo da planificación, da posta en valor da singularidade de cada lugar e da nosa cultura local”.

 

Da fraxilidade á calma


Na edición de 2024, Raxoi entendeu que as constantes friccións entre veciños e visitantes pedían un modelo que reivindicase o coidado da cidade e as actitudes respectuosas cara ao patrimonio local. Por iso, presentou ‘Fráxil’ na Fitur, unha campaña que posicionou a Santiago como destino turístico comprometido coa sustentabilidade.

 


Agora, o enfoque é lixeiramente diferente. Segundo apuntou a responsable de Turismo, “cando as persoas visitan Compostela, queremos que nos traian un presente: o seu tempo. Tempo para explorar, para gozar, para coñecer non só a cidade histórica, senón tamén o noso patrimonio natural, cultural e comercial”.


Deste xeito, ademais da presuposto actitude respectuosa dos peregrinos, Raxoi fíxase o obxectivo de promover a desestacionalización das visitas e facer que estas contemplen lugares máis alá da Catedral, como a Zona Nova ou os seus emprazamentos naturais.

Que significa o slogan da nova campaña turística de Santiago de Compostela?

Te puede interesar