Santiago prepara un proxecto piloto de micromobilidade co vehículo “Neno” como protagonista

Santiago prepara un proxecto piloto de micromobilidade co vehículo “Neno” como protagonista
Un dos elementos centrais do modelo proposto é o Neno, un vehículo eléctrico ultracompacto fabricado integramente polo Grupo Castrosua, que ocupa menos de 2 m² de superficie

A sociedade municipal Tussa e a startup MOBME, impulsada polo Grupo Castrosua, están a traballar conxuntamente no deseño dun proxecto piloto de micromobilidade urbana que buscará ofrecer alternativas sostibles e prácticas ao vehículo privado en Santiago de Compostela. Trátase dunha proposta innovadora que parte dun estudo de análise e diagnose en marcha, e que será presentado en próximas datas a distintos axentes institucionais e empresariais para avaliar a súa viabilidade.

 

Un modelo adaptado ás necesidades reais de mobilidade

Segundo explicou o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, o proxecto nace da colaboración público-privada entre Tussa e MOBME, e aposta por un novo modelo de mobilidade máis sostible, eficiente e adaptado ás directrices europeas en materia de enerxía e cambio climático. O xerente de Tussa, José Ramón Mosquera, destacou que esta iniciativa recolle algunhas das conclusións do PMUS (Plan de Mobilidade Urbana Sostible), como o feito de que o 80 % dos desprazamentos en coche privado se fan cunha soa persoa a bordo e con traxectos inferiores a 2 quilómetros.

 

 

Pola súa parte, o xerente de MOBME, Carlos Gustavo García, destacou que a startup é o reflexo do espírito innovador de Castrosua e da súa aposta pola mobilidade conectada, compartida e accesible, con especial atención ao deseño de solucións urbanas que reduzan o impacto do tráfico tradicional.

 

O vehículo “Neno”, peza clave do proxecto

Un dos elementos centrais do modelo proposto é o Neno, un vehículo eléctrico ultracompacto fabricado integramente polo Grupo Castrosua, que ocupa menos de 2 m² de superficie, permite levar dúas persoas en paralelo, conta con máis de 180 litros de carga, e pode ser conducido desde os 15 anos con carné de ciclomotor.

 

Este vehículo está pensado para reducir a ocupación do espazo público, minimizar a conxestión urbana e facilitar desprazamentos curtos. Onde aparca un coche convencional, poderían estacionar ata catro Nenos, apuntan desde MOBME.

 

Sistema de uso compartido con aparcadoiros reservados

O proxecto prevé que se poña en marcha unha flota piloto de vehículos Neno, dispoñibles para particulares, empresas e institucións. O seu funcionamento sería similar ao dos sistemas de bicicletas compartidas: as persoas usuarias poderían recoller un Neno nun punto e deixalo noutro, con plazas de aparcadoiro reservadas e gratuítas en cada unha das zonas definidas na matriz de mobilidade urbana do estudo. As empresas poderían contar con vehículos asignados en exclusiva.

 

Un estudo baseado nunha matriz de mobilidade urbana

A diagnose realizada por Tussa e MOBME divide o mapa de Santiago en tres grupos de zonas segundo as súas necesidades de mobilidade:

 

  •  Zonas prioritarias: Hospital Clínico, Santa Marta, Ensanche, estación intermodal, Fontiñas, Campus Sur e cidade histórica.
  • Zonas secundarias: Campus Norte, Vista Alegre, Lamas de Abade, San Lázaro, Restollal e San Caetano.
  • Zonas especiais: Polígono do Tambre, Cidade da Cultura e Hospital de Conxo.

 

Unha alianza para innovar na mobilidade urbana

O proxecto enmárcase no convenio asinado pola alcaldesa Goretti Sanmartín, como presidenta de Tussa, e Beatriz Castro, CEO de Castrosua, que define unha liña de colaboración estable para buscar solucións innovadoras de mobilidade alternativa, orientadas a mellorar a calidade de vida da veciñanza compostelá.

Santiago prepara un proxecto piloto de micromobilidade co vehículo “Neno” como protagonista

Te puede interesar