Santiago reivindica os deportes urbanos cunha fin de semana dedicada ao parkour e ao skate

A Concellaría de Xuventude organiza o ‘Parkour Skills Challenge’ e a quinta edición do ‘Compostela Skate’ os días 7 e 8 de xuño
Santiago reivindica os deportes urbanos cunha fin de semana dedicada ao parkour e ao skate
A presentación do evento tivo lugar hoxe no Pazo de Raxoi

A cidade converterase os días 7 e 8 de xuño no epicentro da cultura urbana galega, grazas á celebración de dous eventos impulsados pola Concellaría de Xuventude: o Parkour Skills Challenge, que terá lugar o sábado na Praza Roxa, e a quinta edición do Compostela Skate, o domingo na Praza da Constitución.

 

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, destacou na presentación destas propostas “o crecemento do interese da mocidade por actividades como o parkour e o skate, que permiten socializar, construír comunidade e ocupar o espazo público desde unha óptica creativa e saudable”.

 

Parkour Skills Challenge: técnica, creatividade e superación

O sábado 7 de xuño, a Praza Roxa acollerá unha xornada completa dedicada ao parkour, disciplina que combina movemento, equilibrio, forza e creatividade. Pola mañá celebraranse obradoiros de iniciación abertos a partir dos 10 anos, e pola tarde terá lugar o Skills Challenge, unha competición baseada en retos de habilidade que valorarán aspectos como a fluidez, velocidade e control técnico.

 

Os participantes deberán superar combinacións de movementos e probas con condicións específicas, como límites de tempo ou número de intentos. Esta modalidade é especialmente valorada dentro da comunidade traceur polo seu respecto á filosofía orixinal do parkour: eficiencia, adaptabilidade e dominio do corpo ante os desafíos do espazo urbano.

 

Compostela Skate: o regreso consolidado dunha cita emblemática

O domingo 8 de xuño será a quenda do skate, coa celebración da quinta edición do Compostela Skate, que se desenvolverá desde as 11:00 ata as 21:00 horas na Praza da Constitución.

 

A actividade central será un campionato de skate na modalidade Street, a máis popular e representativa do skateboarding urbano. O torneo dividirase en dúas categorías: Sub15 pola mañá e Open pola tarde, e terá lugar sobre un circuíto con escaleiras, bordos, varandas e outras estruturas que simulan o mobiliario urbano.

 

Este evento, que regresou o ano pasado tras unha década de ausencia, aspira a promover o deporte, a convivencia e o ocio activo entre a mocidade, nun ambiente aberto, diverso e participativo.

 

Compromiso coa cultura urbana e o lecer alternativo

Na presentación dos eventos participaron tamén Pablo Castiñeiras (Vella Escola), Alberto Muíño (Cultura Urbana) e Carlos Gil (Skate Escola), entidades organizadoras que puxeron en valor os deportes urbanos como ferramentas para fomentar a creatividade, o respecto mutuo e o uso consciente do espazo público.

Santiago reivindica os deportes urbanos cunha fin de semana dedicada ao parkour e ao skate

Te puede interesar