Reportaxe | Santiago Vello, o perfil de Instagram que percorre a cidade a través das décadas

Ramón Diez Posse administra o perfil de Instagram @santiago_vello, un repositorio con case mil fotografías que rememoran fitos, personaxes e construccións históricas da cidade en tempos xa pasados pero que perduran neste proxecto visual
Reportaxe | Santiago Vello, o perfil de Instagram que percorre a cidade a través das décadas
Ramón Diez Posse, administrador do perfil Santiago Vello

Ben cedo pola mañá, e mentres almorza, Ramón colle o seu teléfono móbil e publica unha foto na súa conta de Instagram. Non é un selfie, tampouco unha estampa da súa familia: unha imaxe de corte anacrónica, moi probablemente en cor sepia ou en branco e negro, apareceralles a máis de mil persoas cando abran a coñecida rede social de vídeo e fotografía. 

 

Ramón Diez Posse ten 62 anos e é veciño de Compostela de toda a vida. Non é fotógrafo, historiador nin documentalista pero apaixónao a historia de Santiago, de aí que nas súas mans atesoure un monumental arquivo visual do patrimonio arquitectónico, social e cultural da cidade

 

En Santiago Vello [@santiago_vello], o perfil de Instagram que administra, hai case mil fotografías que Ramón vai publicando día a día acompañadas dunha pequena descrición. O seu obxectivo teno claro: "facer cidade e manter a súa lembranza". 

 

En realidade, Ramón adícase ás instalacións electrónicas. A pesar da carente relación entre o seu medio de vida e a fotografía, o certo é que o seu pequeno negocio na avenida Rosalía de Castro e as frecuentes visitas que realiza a vivendas particulares compostelás para resolver avarías foron o que lle permitiu construír unha ampla axenda de contactos a través dos que coñecer tantas e tan variadas historias da vida en Santiago. Iso e as fructíferas conversas no bar Bendaña entre caña e caña. 

 

Durante anos foi recompilando en carpetas do teléfono instantáneas que lle enviaban amigos, clientes e compañeiros ata que, ironicamente, a tecnoloxía lle xogou unha mala pasada e perdeu todas as fotos.

Este contratempo foi o xermolo do que hoxe é Santiago Vello. Ramón conseguiu recuperar as fotografías coa axuda do seu fillo e este tivo a idea de abrir unha conta en Instagram para almacenalas sen risco de perda.

 

Santiago vello perfil instagram
Perfil de Instagram de @santiago_vello | Lucía Ortigueira Piñeiro

 

Unha narración visual da cidade

 

Cando Ramón comezou a compartir as fotos non imaxinaba a repercusión que acabarían tendo. Ao principio o seu perfil era só un repositorio persoal e se un navega sobre esas primeiras publicacións verá que apenas teñen descricións. Nada que ver coas historias que Ramón escribe agora para nutrir e afondar no contido visual, historias que, nas súas palabras, conta “coma se estivese na taberna”. 

 

Describo as fotos con pequenos textos en galego, son datos e historias que me contaron sobre as imaxes e que conto coma se estivese na taberna

 

O certo é que o seu labor revalorízase cando un coñece o empeño de Ramón por escribir en galego. O seu dominio do idioma non é alto pero fai o esforzo e o emprega en todas as publicacións. Aínda así, como adoita acontecer nas redes sociais, debe resistir comentarios ferintes de persoas que cuestionan o seu quefacer. 

 

Con todo, os comentarios positivos son o motor que o anima a continuar coa súa iniciativa. E así, con esa proximidade que transmite, Ramón foi construíndo un relato visual e inmaterial de Santiago de Compostela a través das décadas

 

Para todos os gustos

 

En @santiago_vello un pode atopar desde fotografías de finais dos anos trinta do artista visual Ramón Sánchez Estalote ata xoias de ficheiros familiares que, sen querelo, gardan a memoria da cidade

 

Un día á semana, adicionalmente, Ramón presenta a unha personaxe relevante para Compostela, e os domingos publica contidos en vídeo. Ten material para moito tempo. Á parte das fotos do teléfono, o moble do seu comedor está repleto de libros que tamén lle serven como fonte, moitos deles cedidos por colaboradores recorrentes coma o Consorcio de Santiago. Por diante quédanlle horas e horas de escaneo: “historias hai moitas e fáltanme bastantes por contar”. Na recámara garda desde crónicas de bares ata inmensas curiosidades sobre o colexio Rosalía de Castro.

 

 

 

Esta afección de Ramón non só lle permitiu compartir o seu cariño pola cidade, senón reflexionar sobre ela. O interese impúlsao a coñecer novos datos e a valorala cada vez máis. Como el di, móveo o “amor por Compostela”.  E pola súa xente, porque sempre  que pode aproveita as súas publicacións para vinculalas con negocios da zona e axudalos a promocionarse. Son favores que fai de xeito altruísta. 

 

O público de Ramón desfruta sobre todo das fotografías de particulares que non se poden ver noutros lugares.  Esas instantáneas nas que aparece un Seat 500 da época ou algún establecemento pretérito, coma a Gran Tintorería España. Se non, as boas explicacións que acompañan as imaxes tamén xogan ao seu favor, sobre todo  cando descobren datos curiosos. 

 

Ramón ten gustos algo distintos: “a min encántanme as que collen o momento, as que transmiten con poucos detalles, coma unha mirada”. Diez Posse lanza esta afirmación mentres rememora unha fotografía de Estalote na que o autor capta a un neno buscando restos de polbo nun caldeiro durante a feira dos xoves en Santa Susana. 

 

 

 

Santiago Vello é un tesouro dos vellos e belos tempos. A todo aquel que queira coñecer a cidade a través das imaxes que non se preocupe, que Ramón ten claro que continuará coa súa labor “ata que se aburra”. E para iso semella que queda moito tempo.

Reportaxe | Santiago Vello, o perfil de Instagram que percorre a cidade a través das décadas

Te puede interesar