A Sede Afundación Santiago de Compostela acolle o proxecto expositivo do fotógrafo de animais Tim Flach

A Obra Social de ABANCA trae por vez primeira a España o proxecto «Emocións en perigo» que reúne 45 retratos que emocionan, sorprenden e espertan a empatía de quen as observa
A Sede Afundación Santiago de Compostela acolle o proxecto expositivo do fotógrafo de animais Tim Flach
Tim Flach | AEC

A obra de Tim Flach, un dos fotógrafos de animais máis recoñecidos a nivel global, amósase por primeira vez en España da man deste proxecto xurdido da colaboración entre Afundación e a editorial Lunwerg.

 

Tras o seu rotundo éxito nos seus anteriores emprazamentos ―30 500 persoas no Teatro Afundación de Vigo, no Café Moderno Afundación de Pontevedra e na Sede Afundación A Coruña―, a exposición chega á Sede Afundación de Santiago de Compostela, que acolle desde hoxe, e ata o próximo 1 de xuño, a mostra «Emocións en perigo».

 

A través dunha selección de 45 retratos de animais en perigo de extinción fotografados como nunca antes os viramos, Flach asegura que con este proxecto trata de «conectar as persoas coa natureza» cun obxectivo: romper as barreiras que parecen levantarse entre os seres humanos e a natureza a través destas escenas, fomentar a empatía cos retratados, salientar a emoción.

 

Tim Flach (Londres, 1956) quere promover a través da súa obra unha sociedade máis concienciada, formada e sensible coa necesidade de incorporar a sostibilidade a todos os aspectos da nosa vida. «O noso futuro depende diso», defende o fotógrafo.

 

A información e imaxes están dispoñibles aquí

Na súa dilatada traxectoria, Tim Flach traballou con entidades da talla do National Media Museum en Reino Unido, o Museo de Historia Natural de Suecia, National Geographic ou o xornal The New York Times. É membro honorario da Royal Photographic Society e recibiu o Premio Honorario Doutoramento da Universidade das Artes de Londres. Na actualidade é presidente da Asociación de Fotógrafos Británicos e Europeos (AOP).

 

En risco de extinción

A exposición «Emocións en perigo» reúne imaxes do proxecto de Flach Ameazados, que levou o fotógrafo a retratar especies en extinción en todo o mundo. En lugar de enmarcalos no seu hábitat natural, Tim Flach optou por retratalos sobre fondos neutros, salientando a personalidade de cada especie e mostrando nalgúns casos actitudes e emocións que habitualmente asociamos aos seres humanos. «Tratei de tender unha ponte e convidar á igualdade creando retratos de animais cun estilo de representación xeralmente asociado cos humanos para salientar o seu carácter e personalidade», sostén Flach.


Na exposición, Tim Flach incorpora información específica da situación e os perigos que ameazan cada unha das especies retratadas. Cada retrato está acompañado por unha ficha informativa elaborada pola maior organización ambiental de todo o mundo, a UICN (Unión Internacional para a Conservación da Natureza). A información da UICN sinala o nivel de risco de extinción no que se atopa esa especie segundo a lista vermella desta organización. Ademais do nome científico, e da zona xeográfica á que pertence cada animal, os retratos están acompañados dun texto explicativo sobre a súa especie. 


«Fotografei algunhas das especies máis ameazadas da Terra para este proxecto ―explica Flach―, algunhas icónicas, outras menos coñecidas. Varias son recoñecidas en todo o mundo e é sorprendente atopar estes animais icónicos ao bordo da extinción, animais aínda representados con orgullo en películas e libros, como xoguetes de peluche na colección de animais salvaxes da habitación dun neno». Viaxando ao redor do mundo, a escenarios que van desde o bosque ata a sabana, os mares polares e os grandes arrecifes de coral, o fotógrafo construíu un poderoso rexistro visual de animais e ecosistemas en risco.


A exposición incorpora a tecnoloxía para ampliar a experiencia dos espectadores. Entre as posibilidades das novas experiencias para os espectadores, a exposición ofrece unha mesa de luz, que lle formula ao espectador algunhas preguntas sobre as especies que protagonizan a exposición, poñendo a proba o seu coñecemento sobre elas.

 

Programas didácticos

Para facer máis accesible esta exposición e o seu contido ao colectivo escolar, Afundación deseñou un amplo programa de actividades didácticas e talleres adaptadas ás diferentes idades, para a que xa fixeron a súa reserva en na Coruña máis de 1700 estudantes.


A exposición é parte do programa «Cultura por alimentos», de Afundación. Os visitantes poderán acudir con alimentos non perecedoiros e depositalos na propia sala de exposicións para a súa distribución a través do convenio que a Obra Social de ABANCA ten colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL).

A Sede Afundación Santiago de Compostela acolle o proxecto expositivo do fotógrafo de animais Tim Flach

Te puede interesar