Silvereira, a recoñecida empresa galega de xoiería artesanal, celebra este ano o seu 25 aniversario, consolidándose como un referente no sector grazas á modernización dos seus procesos de fabricación. O alcalde de Ames, Blas García, xunto coa concelleira de Promoción Económica, Ana Paz, e o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, visitaron este martes as súas instalacións en Raíces, Biduído, para coñecer de primeira man o traballo de Juan Lamas e Marta Ares, fundadores do proxecto.
Durante o percorrido polo taller, os responsables da empresa destacaron a importancia da innovación para manter a competitividade, optimizando recursos e tempo sen perder a esencia artesanal que os caracteriza.
Desde a súa fundación en Santiago no ano 2000, Silvereira evolucionou constantemente. Pasou por Teo antes de establecerse definitivamente en Ames en 2020, apostando por un entorno rural que combinase tranquilidade e acceso a servizos.
A empresa, que naceu traballando con prata, acibeche e resinas, reinventouse tras a crise de 2008 e comezou a especializarse en xoias de madeira. O seu gran salto chegou en 2010, cando unha das súas creacións presentadas na Mostra do Encaixe de Camariñas revolucionou o mercado da artesanía.
Na actualidade, a firma busca expandirse e diversificar materiais, introducindo a prata e aplicando técnicas como o baño en ouro. Entre os seus obxectivos de crecemento, teñen no punto de mira a Feira Profesional Bisutex en Madrid, un evento clave para asentarse en novos mercados.
Máis alá do seu éxito comercial, Silvereira tamén destaca pola súa implicación social. Desde hai anos colabora con Asanog, a Asociación de Cancro Infantil e Xuvenil de Galicia, coa que recentemente lanzou unha edición limitada de 50 pulseiras solidarias, dispoñibles na súa páxina web. Os beneficios da súa venda destínanse integramente a esta entidade.
Silvereira continúa así a súa traxectoria de artesanía, innovación e responsabilidade social, apostando pola excelencia e pola expansión sen esquecer as súas raíces.