Skate Escola: achegar a monopatinaxe ao alumnado compostelán

Esta iniciativa nace da man dun grupo de profesionais do skate que teñan o obxectivo de impulsar este deporte na cidade, especialmente entre os máis novos. Desde o ano 2018 ofertan esta actividade coma extraescolar nos centros educativos de Santiago
Skate Escola: achegar a monopatinaxe ao alumnado compostelán
Skate Escola

Deportes hai moitos, algúns con máis fama ca outros. Desde hai varios anos asistimos á valorización de disciplinas minoritarias que loitan por facerse un oco entre a sociedade. É o caso da monopatinaxe, que comeza a gañar visibilidade grazas á súa incorporación en eventos coma os Xogos Olímpicos e que en Santiago xa conta cun número nada insignificante de adeptos.

 

Se o monopatín mantén o seu pulo na cidade é grazas aos expertos que comparten o seu coñecemento da práctica coa veciñanza, a través de labores de divulgación ou impartindo de cursos de formación. Quen leva anos traballando nesta liña son os profesionais de Skate Escola, unha iniciativa que xorde no 2018 cun propósito moi concreto: achegar a monopatinaxe aos nenos.

 

Skate escola clases
Skate Escola, en activo desde o 2018

 

Á súa fronte está Carlos Gil Fernández, un amante do monopatín desde neno e que agora reúne esforzos para contribuír a que este deporte sexa adorado por máis persoas. El e o seu equipo, formado por monitores expertos do monopatín, percorren Santiago coas súas táboas coa mesma ilusión coa que os reciben os máis cativos cada vez que asisten a unha sesión de patinaxe.

 

Da man coas escolas

 

Skate Escola comezou a súa actividade con talles deportivos nos centros educativos de Compostela. Eran clases extraescolares “pensadas para a xente que non tiña acceso ao skate, porque antes en Santiago non había instalacións coma as hai hoxe”, explica Carlos Gil. 

 

Comezamos con clases extraescolares pensadas para a xente que non tiña acceso ao skate, porque antes en Santiago non había instalacións coma as hai hoxe

 

Complementariamente ofrecían eventos puntuais, seminarios máis abertos e fóra do contexto escolar. En liñas xerais, é o que seguen a facer na actualidade. Móvense polos centros dando, sobre todo, clases para principiantes, nas que buscan ensinar a manter o equilibrio na táboa de monopatín, aprender a caer, poñerse de pé e empurrarse.

 

Así e todo, Skate Escola tivo un punto de inflexión no ano 2021, cando comezou a colaborar con Área Central. Ata hai pouco o centro comercial ofertaba un espazo cuberto para practicar a monopatinaxe. Nese sentido, contactaron coa academia para dinamizar o recinto: “Grazas a esas instalacións puidemos facer unha actividade máis programada, con grupos todos os días”, indica Carlos.

 

Lamentablemente, Área Central decidiu pechar a instalación tempo despois e desde entón Skate Escola volveu ás súas orixes, traballando man á man coas escolas e, de cando en vez, organizando eventos na cidade coma o Compostela Skate, un campionato a nivel galego que tivo lugar en setembro.

 

Un deporte gratificante

 

A patinaxe non deixa a ninguén indiferente. Malia parecer un deporte complexo, que require de moito equilibrio e que nun principio pode parecer perigoso pola alta posibilidade de sufrir unha caída, é unha actividade agradecida: “Desde o primeiro momento tes esa sensación de desfrute. Na primeira sesión xa aprendes a subir á táboa, a manterte e a moverte. Realmente o complicado vén despois, á hora de ir mellorando”.

 

Desde o primeiro momento tes esa sensación de desfrute. Na primeira sesión xa aprendes a subir á táboa, a manterte e a moverte. O complicado vén despois, á hora de ir mellorando

 

Carlos destaca que un dos puntos fortes da monopatinaxe é que é “moi libre”, xa que o deportista non depende dun grupo para practicar: “Cando che apetece podes saír a practicar, con calma. É un deporte moi versátil que chama moito a atención”.

 

O feito de traballar nas escolas, con grupos de rapaces e a modo de actividade extraescolar, é asemade positivo xa que fomenta relacións de amizade entre alumnado dun mesmo centro e incluso de outros diferentes. É un xeito de compartir horas fóra das aulas, de socializar e de fomentar o apoio entre iguais.

 

Porque o skate é unha actividade que ten moitísima aprendizaxe e que require de paciencia e, sobre todo, perseveranza. Sentirse apoiado, por tanto, é fundamental. Hai moito ensaio-erro, son precisos moitos intentos para aprender novos trucos ou manobras. “Incidimos moito en aprender a caer e levantarse. Esa capacidade de repetición, necesaria para poder perfeccionar a práctica, é moi interesante. Axuda a non renderse ata conseguir algo”, asegura Carlos.

 

Skate scola
Durante unha clase de monopatín impartida por Skate Escola

 

En Skate Escola, que traballan con grupos reducidos, destacan a heteroxeneidade do alumnado. Segundo comentan, atrae a calquera por igual e non hai unha predominancia de nenos sobre nenas, como se adoita pensar. 

 

O que adoitan facer no inicio de curso é unha actividade de iniciación que ten a finalidade de servir como unha presentación da práctica da monopatinaxe, para espertar esa curiosidade. E parece que fai efecto. Funciona como unha especie de talleres e seminarios dentro do horario escolar, en colaboración cos mestres de Educación Física.

 

Rompendo fronteiras

 

Porén, Skate Escola non se limita exclusivamente ao ámbito educativo. “Ás veces facemos actividades ou dinámicas aproveitando os diferentes espazos da cidade”, explica Carlos. É quizais a maneira que teñen de contrarrestar a progresiva perda de espazos habilitados para a monopatinaxe que está a sufrir a cidade de Santiago. 

 

Porque a monopatinaxe segue a ser un deporte minoritario. “É certo que hai un apoio máis institucional desde que se fixeron parques e espazos para a práctica, pero o seu mantemento deixa moito que desexar. Non basta con crear o espazo e esquecerse”. Necesaria é a limpeza e adecuación dos espazos para que sexan seguros. 

 

É certo que hai un apoio máis institucional desde que se fixeron parques e espazos para a práctica, pero o seu mantemento deixa moito que desexar. Non basta con crear o espazo e esquecerse

 

“Queda bastante para visibilizar a actividade e normalizala”, asevera Carlos. Alude a que hai unha grande diferenza con respecto hai vinte anos, pero tamén destaca que se deron algúns pasos atrás: “Tiñamos un espazo na Praza Roxa que se eliminou. Era un punto relevante para achegar o skate no seu día. Agora os espazos están en zonas periféricas, e queiras que non iso dificulta o fomento da práctica”.

Skate Escola: achegar a monopatinaxe ao alumnado compostelán

Te puede interesar