O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) volverá abrir as súas portas ao sector produtivo este venres, 4 de xullo, cunha nova edición de Inside the Lab, a xornada anual de transferencia de coñecemento que conecta a investigación do centro coa empresa, a administración e outras organizacións interesadas en proxectos de I+D, licenzas tecnolóxicas ou asociacións estratéxicas.
O evento terá lugar entre as 10.00 e as 14.00 horas nas propias instalacións do CiTIUS. A participación é de balde pero require inscrición previa antes das 12.00 horas do xoves 3 de xullo a través da web oficial do evento.
De intelixencia artificial á tradución automática: 11 demostradores e dúas spin-off
Nesta edición de Inside the Lab presentaranse 11 demostradores tecnolóxicos e 2 spin-off, que amosan o potencial da investigación realizada no centro para xerar valor aplicado en sectores tan diversos como a sanidade, a industria, o medio ambiente ou a cultura.
Entre os proxectos que se poderán coñecer en detalle están:
SAIA, unha interface para a análise automatizada de imaxes de resonancia magnética en ratas, pensada para facilitar o traballo de equipos biomédicos sen experiencia en programación.
Chatty, un sistema conversacional que permite interactuar con múltiples modelos de linguaxe ao mesmo tempo, cada un asumindo un rol diferente.
EmoTrack, unha ferramenta que detecta e visualiza emocións e niveis de estrés en tempo real mediante técnicas multimodais.
No ámbito da lingua galega, destacarase Carballo, un modelo multilingüe baseado no Proxecto Nós, e un sistema de tradución automática galego-español-inglés baseado en redes neuronais, ambos con aplicacións en educación, medios ou administración electrónica.
En eidos ambientais, presentaranse solucións de caracterización da biomasa forestal con LiDAR e identificación de especies de algas mariñas mediante imaxe submarina, con interese para o sector agroforestal e mariño.
No campo da saúde, BreastAnalyser facilitará o diagnóstico automatizado do cancro de mama a través da análise de imaxes inmunohistoquímicas.
En visión artificial, o centro mostrará avances en detección visual de obxectos con FPGA e detección de eventos con sensores CMOS, capaces de capturar cambios en escena a nivel de píxel.
Tamén terá un protagonismo destacado energHius, a nova spin-off do CiTIUS centrada na captura de enerxía ambiental con tecnoloxía Nanostart®, que permite alimentar dispositivos do Internet das Cousas (IoT) sen baterías.
Por outra banda, Situm, a spin-off máis veterana do centro, participará con GAIA by Situm, unha plataforma intelixente enmarcada no proxecto IA360 que ofrece información xeoespacial en tempo real adaptada a profesionais.
Un broche tecnolóxico e artístico
A xornada incluirá tamén unha experiencia inmersiva co proxecto Esencia, unha instalación dixital interactiva que visualiza o corpo humano como un campo enerxético dinámico, simulado mediante partículas que reaccionan segundo parámetros físicos en tempo real. Un peche artístico e tecnolóxico para unha cita que pretende consolidar pontes entre a investigación universitaria e o tecido produtivo galego e internacional.