Un tesouro de hai 4.000 anos para a veciñanza de Compostela

Os petróglifos, gravados arqueolóxicos en rochas graníticas chamadas laxes, teñen unha presenza significativa en Santiago malia o descoñecemento por parte dos seus habitantes. Recoñecidos internacionalmente, son ademais un símbolo de identidade
Un tesouro de hai 4.000 anos para a veciñanza de Compostela
Luis Leclere, presidente do colectivo A Rula

O patrimonio rupestre de Galicia é un dos máis impresionantes de Europa. Ao longo de toda a xeografía galega téñense atopado multitude de gravados esculpidos en pedra, centos de petróglifos que representan motivos coincidentes en diferentes zonas da comunidade. 

 

Aínda que o groso dos petróglifos se concentra na provincia de Pontevedra, a área de Santiago conta cun inventario nada desdeñoso, ata o punto de térense catalogado preto de noventa petrogravados.

 

De xeito semellante ao que acontece no resto das provincias, en Compostela os motivos máis numerosos son os xeométricos, entre os que destacan os círculos concéntricos e as coviñas. Son deseños dos que non é posible identificar o significado. 

 

Petroglifocompos
Petróglifo de Correxíns, durante o atardecer | CEDIDA

 

Pero tamén hai representacións naturalistas, das que é máis sinxelo extraer suposicións sobre as súas intencións, malia que en ocasións, dado o seu esquematismo, non é doado. Son os gravados de animais, especialmente de cervos, e de escenas de monta.

 

Grande parte do coñecemento que hoxe se ten sobre os petróglifos de Santiago débeselle a unha asociación que leva desde o 2013 explorando os nosos montes na busca de gravados sen catalogar. Trátase do colectivo A Rula, da que Luis Leclere é o seu presidente. Conta que son un grupo de xente cun gusto especial pola arte rupestre de Galicia, que se organizaron en asociación logo de localizar na zona da Devesa da Rula un conxunto de petróglifos “que entendemos que debían ser catalogados e protexidos”.

 

Conservación, investigación e difusión

 

O colectivo A Rula baséase en tres piares fundamentais. En palabras de Leclere, estes son “lograr a conservación da nosa arte rupestre, ampliar a investigación e o coñecemento que temos del e difundir, divulgar os seus valores entre os veciños e a xente que se queira achegar. É importante conseguir que os petróglifos atraian á poboación”.

 

Buscamos lograr a conservación da nosa arte rupestre, ampliar a investigación e o coñecemento que temos del e difundir, divulgar os seus valores entre os veciños

 

A asociación opera na comarca de Santiago, pero tamén van ata outros lugares de Galicia: “Colaboramos cos concellos de Ponteceso, de Vimianzo, coas comunidades de montes de Baroña e Dodro… Agora estamos traballando coa Dirección Xeral de Patrimonio cuns petróglifos en Ribeira, un municipio que non tiña arte rupestre coñecida ata hoxe”. Do mesmo xeito, “coa explosión que houbo das iniciativas eólicas recibimos moitas chamadas de axuda para loitar contra a industrialización do noso monte. As comunidades entenden que o patrimonio é un aliado para loitar contra isto”.

 

Na área de Santiago de xeito específico, no momento no que A Rula iniciou a súa actividade había catalogados sesenta petróglifos, e agora hai máis de cento oitenta, cunha grande variedade entre eles. “Hai anos pensábase que a comarca era un dos extremos da arte rupestre, e hoxe demostrase que ten unha importante riqueza e variedade”, indica Luis Leclere.

 

Hai anos pensábase que a comarca de Santiago era un dos extremos da arte rupestre, e hoxe demostrase que ten unha importante riqueza e variedade

 

Moi espallados

 

Os petróglifos de Santiago atópanse espallados por bastantes partes do territorio pero en zonas específicas. O normal é que estes gravados se fixesen nas ladeiras das montañas, a media altura evitando partes altas e baixos, e dominando outeiros para visualizar o horizonte, de xeito que se vexan as estrelas: “En concreto, moitos petróglifos de Santiago buscan unha relación visual co Pico Sacro. Desde o Castriño de Conxo pode verse, durante o solsticio de inverno, como sae o sol pola mañá subindo polo Pico, coma se fose unha bola de lume”, explica Leclere.

 

É por isto que se ten a teoría de que a elección dos lugares e dos soportes dos petróglifos non foron feitas ao azar, senón que teñen unhas finalidades. Para Leclere “deberon funcionar como lugares de agregación social”. Os artífices destes gravados pertencían a sociedades seminómades compostas por entre 25 e 30 membros, que vivían en espazos amplos temporalmente: “Cando viñan os grandes soles do verán entrarían nun campamento temporal nas partes altas para aproveitar a auga para o gando, e en inverno buscarían orientarse ao sur e protexerse dos ventos principais”.

 

Os petróglifos constitúense por tanto en “lugares de encontro desas pequenas comunidades e das veciñas, quizais para renovar pactos de non agresión, ou como áreas ritualizadas onde celebrar determinadas actividades importantes para a poboación, como as celebracións do paso da xuventude á madurez”.

 

Os petróglifos realízanse en lugares de encontro de pequenas comunidades e das veciñas, quizais para renovar pactos de non agresión, ou como áreas ritualizadas onde celebrar determinadas actividades importantes para a poboación

 

Símbolos de identidade

 

De entre a variedade de petróglifos que hai en Compostela, destacan o da Pedra da Loba  e o do Castriño de Conxo. O primeiro amosa moitos cervos perseguidos por cazadores a cabalo, unha escena que se ve acotío no territorio galego. O Castriño de Conxo, pola súa parte, permite datar aos petróglifos porque representa armas pertencentes á Idade do Bronce. Foi descuberto cando non se coñecía ningún gravado deste tipo en Europa, e nel poden verse alabardas, espadas, puñais

 

Para Leclere os petróglifos poderían simbolizar as ideas que os seus creadores tiñan sobre o mundo: “Non vemos gravados de actividades comúns, como si que as hai en Italia, senón escenas de prestixio como as de caza de cervos, que en ocasións se agudizan coas representacións de monta. O cervo non é domesticable, pero deste xeito faise ver o dominio do home sobre a natureza”.

 

Petroglifocompos2
Petróglifo do Castriño de Conxo | CEDIDA

 

Pasaron máis de 4000 anos desde que se gravaron, pero seguen atopándose petróglifos hoxe malia que o estado dos montes dificulta a tarefa. Algúns están moi ben conservados, pero a maioría atópanse nun estado regular, maiormente debido aos incendios, un dos principais inimigos dos petróglifos

 

Para mellorar a contorna dos gravados en Santiago, moitas veces situados en terreos abandonados, propúxose o proxecto Compostela Rupestre, co gallo de que as Administracións xestionasen de forma común as manifestacións arqueolóxicas que se fosen atopando. Desde A Rula agardan que pronto se faga unha limpeza dos montes para facer os petróglifos accesibles. 

 

Polo de pronto, desde A Rula traballan por difundir este legado, que para eles é un elemento principal de diferenciación como territorio. Para iso, realizan visitas guiadas nocturnas con iluminación de rasante para ver os petróglifos no seu máximo esplendor, e mesmo colaboran cos colexios: “Loitamos porque as comunidades coñezan os petróglifos e se sintan orgullosos, porque de por si non teñen un valor. É a comunidade a que fai o patrimonio”.

Un tesouro de hai 4.000 anos para a veciñanza de Compostela

Te puede interesar