The Sar Swing Quintet: "O noso público goza ao máximo en cada concerto"

É unha das poucas formacións compostelás que conta cun repertorio íntegro de swing, co que buscan atrapar aos veciños da cidade con estándares bailables e actuacións cheas de “bo rollo”
The Sar Swing Quintet: "O noso público goza ao máximo en cada concerto"
The Sar Swing Quintet

Compostela é un fervedoiro no que a talento musical se refire. Existen multitude de formacións dos máis variados estilos que fan da cidade un lugar privilexiado para os amantes da música en directo

 

Hai grupos máis pop e outros de rock, conxuntos tradicionais e, abundan tamén, agrupacións de jazz coas súas variantes, coma o manouche. Vinculado co jazz, pero con moita menor presenza en Santiago, está o swing. Con todo, os adeptos a esta música de raíces afroamericanas están de sorte, porque para dar uns concertos ben bailables están The Sar Swing Quintet.

 

Sarswingensaio1
The Sar Swing Quintet | CEDIDA

 

The Sar Swing Quintet é o xermolo dunha idea que nace durante unhas clases de lindy hop ás que Iván e Javi, guitarristas orixinais do grupo, asisten durante o 2016. 

 

O lindy hop é un tipo de baile swing. Grandes apaixonados dos seus ritmos, Iván e Javi decidiron xuntarse para preparar eles mesmos estándares cos que poder realizar os coñecidos coma clandestinos, bailes swing organizados nas rúas. 

 

O que comezou coma un experimento rematou coa proposta dun grupo estruturado. Recrutaron máis músicos. Primeiro foron The Sar Swing Quartet: María á voz, Iván e Javi á guitarra e Prisco na percusión. Máis tarde uniríase Torron co contrabaixo e, desde o ano pasado, a guitarra de Javi substitúese pola de Xabi. 

 

Para bailar

 

O baile foi sempre a peza que moveu a música de The Sar Swing Quintet. A súa intención inicial era ofrecer un repertorio para bailaríns, de aí que os temas que conforman a set list sexan maiormente de ritmos rápidos. 

 

The Sar Swing Quintet caracterízanse por montar concertos divertidos, que “animan a mover o corpo”, indica a vocalista. “Cando escoitas swing rematas movendo os pés aínda que sexa”.

 

Para calquera ao que lle guste bailar os concertos de The Sar Swing Quintet son unha cita imperdible, pero tamén o son para os máis tímidos: “que veñan todos para alegrar o día. O lindy hop é aberto e súper compartido, aínda que non queiras bailar valo facer”, manifesta Iván.

 

Nas actuacións desta formación compostelá case sempre acaban aparecendo grupos de bailadores que contaxian ao resto dos asistentes: “ver bailar swing é súper agradecido, sempre se ven sorrisos nas caras”.

 

O swing transmite bo rollo, e penso que o noso público disfruta ao máximo

 

Os integrantes do grupo amósanse máis que satisfeitos coa resposta do seu público. “O swing transmite bo rollo, e penso que o noso público goza ao máximo”, indica a vocalista. 

 

Entre peza e peza, e para animar máis se cabe o ambiente, introducen pequenos chistes e manteñen conversas coa fin de crear unha atmosfera distendida e agradable. “Para nós o importante é pasalo ben, non perseguimos o virtuosismo”, asegura Iván. 

 

Unha cidade que se apaga

 

Cada vez é máis complicado dar concertos. Co fin de seguir en activo, The Sar Swing Quintet tivo que diversificarse, de xeito que tocan en eventos privados coma vodas. É por iso que contan con varios repertorios, adaptados a cada contexto, e nos que xa inclúen pezas máis lentas e indicadas non tanto para bailar, senón para escoitar. 

 

Sarswingconcerto2
O grupo en concerto | CEDIDA

 

Para un grupo local é practicamente imposible conseguir unha contratación por parte de organismos públicos. Por iso, ademais dos eventos particulares, o porvir destas bandas está en grande medida nas mans dos bares

 

En Santiago de Compostela, por fortuna, hai moitos establecementos de restauración que organizan concertos con asiduidade. O jazz en particular móvese entre varios locais de referencia: Casa das Crechas, Borriquita de Belém, Riquela, Rock Café O Cum…

 

É moi complicado que os bares contraten a cinco músicos porque o prezo a desembolsar é maior

 

Porén, non é sinxelo atopar un oco para agrupacións grandes, coma The Sar Swing Quintet: “é moi complicado que os bares contraten a cinco músicos porque o prezo a desembolsar é maior”, explica Iván. De feito, se se examinan os carteis, descubrirase que a maior parte dos grupos que dominan os escenarios composteláns son tríos.

 

Coas mesmas ganas

 

The Sar Swing Quintet seguen coas mesmas ganas, abertos a calquera ocasión para levantar os ánimos cuns bos bailes. Son frecuentes colaboradores de O Transistor, a coñecida coctelería de Bertamiráns, e tocan en moitas festas de lindy hop, sobre todo na Coruña. En Santiago adoitan participar anualmente nas jam sessions da Casa das Crechas, convidados polo músico David Regueiro. 

 

Co ánimo de facer promoción e ter un recordo, tamén gravaron un EP que pode escoitarse en Spotify e que reúne cinco dos seus temas predilectos, entre os que se poden escoitar éxitos coma Autumn Leaves. A particularidade do disco é que está gravado en directo: “queríamos que soase a swing, que estivese vivo. Se hai fallos, deben evidenciarse”, explica Iván. 

 

 

 

Verdadeiros namorados da música, traballan á par noutros proxectos. María e Iván teñen un trío, e están pensando en montar un cuarteto con versións de estilo rock e soul que quizais estreen no outono. “O propio corpo é o que che pide facer cousas”, asevera Iván, que na actualidade segue aumentando a súa formación musical na escola Estudio, da man de David Tato.

 

O guitarrista, que tamén é mestre, tamén manifesta o seu interese pola composición, e non descarta facelo nun futuro: “sería interesante compoñer algo de funky”, indica aludindo a outro tipo de jazz.

 

The Sar Swing Quintet agardan que veñan tempos mellores, porque para eles o swing é todo: “para min é unha vía de escape para soltar as emocións. Érao cando era adolescente, cando cantaba na miña habitación, e ségueo sendo agora con 38 anos”, sentencia María.

The Sar Swing Quintet: "O noso público goza ao máximo en cada concerto"

Te puede interesar