Tres espazos para os amantes do cine, a fotografía e a literatura

A facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago é berce de tres clubes que reúnen a grupos de persoas con inquedanzas semellantes e paixón pola aprendizaxe
Tres espazos para os amantes do cine, a fotografía e a literatura
Unha sesión do club de lectura

Entre apuntamentos, libros e clases. Así é como un se imaxina o día a día dun estudante universitario durante o curso escolar. Con todo, a realidade é que detrás do alumnado atópanse persoas con iniciativa, cheas de creatividade e con ganas de ir máis alá do puramente académico co obxectivo de complementar a súa formación. 

 

Desta determinación xurdiron tres proxectos con sede na facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. Son tres clubs dedicados a fomentar, reflexionar e a instruír en torno a tres materias: o cine, a fotografía e a lectura

 

Cine, fotografía e literatura teñen unha fonda relación coas dúas titulacións que se imparten na facultade, Xornalismo e Comunicación Audiovisual. Nos tres casos a idea de crear un proxecto en torno a cada disciplina xurdiu da necesidade de contar cun espazo de reunión para estudantes con inquedanzas semellantes dentro do amplo campo da comunicación. Desta maneira, os clubs permiten afondar e especializarse nas súas ramas, á par que xerar vínculos entre os integrantes.

 

Os tres clubs son de recente creación. O primeiro en formarse foi o club de cine no anterior curso académico, mentres o de fotografía iniciou a súa actividade a comezos deste curso e o de lectura no segundo cuadrimestre. Isto deixa entrever unha sorte de retroalimentación que ademais se ve impulsada polo apoio da propia facultade e da Vicerreitoría de Estudantes da USC, que financia iniciativas do alumnado. 

 

O club de cine

 

Capitaneado por Xoán, Alba, Guillermo e Samuel, estudantes e graduados de Comunicación Audiovisual, o club de cine (@clubdecinefacom) realiza proxeccións semanalmente no auditorio da facultade de Ciencias da Comunicación. Os filmes que se visionan responden a unha temática diferente cada mes, e son os propios seguidores da actividade os que poden decidir as películas que desexan ver en función do tema escolleito polos organizadores.

 

Clubecine
De esquerda a dereita, Guillermo, Xoán e Alba | CEDIDA

 

Este club busca a implicación dos seus asistentes mediante a súa participación na presentación das películas e en coloquios posteriores aos visionados nos que se comparten opinións e reflexións. Ademais, de cando en vez contactan con persoas vinculadas cos filmes que proxectan para ofrecer a visión dos creadores. A experiencia delata o enorme interese que iso esperta, pois nunha charla con Elena López Riera (El Agua, 2022) en colaboración co festival Curtocircuíto chegaron a reunir a 100 persoas. 

 

O núcleo de persoas que acoden ás sesións do club de cine é variado, posto que está aberto a todo o mundo. Hai público constante e hai quen se achega puntualmente. Xoán e Alba recoñecen que en ocasións custa conseguir xerar conversa despois das proxeccións, pero perciben que “a xente desfruta dos encontros” e mesmo se chegan a formar vínculos entre os asistentes máis asiduos

 

 

 

Detrás do club de cine hai moitas horas de traballo semanal nas que os promotores se reparten as tarefas de selección dos filmes, documentación, xestión de persoal e deseño dos carteis publicitarios (que teñen moita fama pola súa calidade estética). O esforzo aumenta cando organizan eventos especiais (como o ciclo de curtas de terror proxectadas no Samaín) e actividades adicionais, a máis recente a do Festival Cinebarato en colaboración co Cineclube Compostela, CineMazarelos e o club de fotografía da facultade de Ciencias da Comunicación.

 

O club de fotografía

 

Irene e Bea son, como elas din, unhas “frikis da fotografía”. Nada máis comezar a carreira de Comunicación Audiovisual coñeceron a Manolo, un dos técnicos da facultade, que xuntou un pequeno grupo de persoas para compartirlles os seus coñecementos sobre a fotografía analóxica. Destas sesións as promotoras do club de fotografía (@clubdefotofacom) adquiriron unha bagaxe tremenda que decidiron compartir con todo amante da foto.  

 

Clubefoto
Irene e Bea, promotoras do clube de fotografía | CEDIDA

 

A facultade de Ciencias da Comunicación conta cun laboratorio e con material para facer prácticas de positivado ou revelado. A creación do club é unha forma de facer máis accesible todo este material -e dalo a coñecer- a calquera persoa que queira empregalo, levado á par un control do seu uso. Ademais, coa axuda económica que recibiron da Vicerreitoría puideron adquirir máis útiles, o que simplifica o acceso á práctica da fotografía analóxica, unha actividade de por si moi custosa. 

 

O éxito do club é palpable na grande afluencia que acollen os seus talleres, a onde acode todo aquel que busca afianzar os conceptos chave sobre fotografía que adquire nas aulas teóricas ou, simplemente, aprender unha nova disciplina. Manolo segue colaborando en moitas das reunións, pero Irene e Bea convertéronse nas titoras que trasladan todo o que el lles ensinou. Din sentírense agradecidas: “é unha gozada ver como podemos darlles a outros a independencia na práctica da fotografía que Manolo nos deu a nós”, asevera Irene. 

 

 

 

No club de fotografía non só se traballa a fotografía analóxica. Tamén teñen organizado obradoiros de cianotipia e de fotografía estenopeica. Despois desta primeira experiencia, prevén continuar o vindeiro curso con sesións máis diversas e dinámicas.

 

O club de lectura

 

O club de lectura (@lecturasfacom) nace por iniciativa de Raúl e Mario, estudantes de Xornalismo e dobre grao respectivamente. Ambos amantes da literatura, vían “inaceptable” que non houbese un club destas características nunha facultade de comunicación, polo que decidiron dar o paso e facelo realidade. 

 

Clubelectura
Mario e Raúl, organizadores do clube de lectura

 

As sesións do club de lectura son “reunións íntimas” nas que se xeran conversas entre os asistentes arredor dos libros que len, se ben adoitan derivar en charlas sobre temas máis profundos. Raúl e Mario sempre tentan traer ás autoras para que presenten os seus propios libros, porque pretenden “dar voz a novos escritores” e non tanto ler obras consagradas da literatura. Con eles reflexionan sobre os procesos de escritura, de edición, pero tamén, por exemplo, sobre a precariedade e a familia.

 

O lugar onde teñen lugar os encontros é chave para os promotores: trátase dunha sala da facultade antes sen uso, pequena, “como unha cripta” onde, segundo Raúl, se crea “unha atmosfera na que semella que o que falamos non vai a saír de aí”. 

 

 

Malia o seu curto percorrido, no club de lectura xa se formaron relacións fortes entre os asistentes e tamén coas autoras, coas que tanto Raúl coma Mario manteñen o contacto. Co tempo, agardan poder organizar actividades adicionais coma coloquios sobre temáticas concretas e ir ampliando o seu público.

Tres espazos para os amantes do cine, a fotografía e a literatura

Te puede interesar