Últimos días para inscribirse na Orquestra e o Coro da USC

Os grupos residentes da universidade buscan novos membros para un curso de música, ensaios e concertos, con prazas abertas para músicos con experiencia e cantantes de todos os niveis
Últimos días para inscribirse na Orquestra e o Coro da USC
A participación no proxecto está recoñecida academicamente para o estudantado de Grao da USC, que poderá obter 4 ECTS por curso | Santi Alvite

A Orquestra e o Coro da Universidade de Santiago de Compostela (OCUSC) mantén aberto o prazo de inscrición para o curso académico 2025-26, nun proxecto formativo e artístico que une música, participación e vida universitaria. Ambas as agrupacións funcionarán como grupos residentes e contarán cun programa de ensaios regulares, concertos e actividades paralelas entre os meses de outubro de 2025 e xullo de 2026.

 

Orquestra

Dirixida a persoas con coñecementos instrumentais, a convocatoria da Orquestra universitaria está aberta para estudantado, profesorado e PTXAS da USC, así como ao público xeral a partir dos 13 anos. Os ensaios terán lugar os martes lectivos de 21.30 a 23.30 horas na Facultade de Ciencias da Comunicación, alén de ensaios extraordinarios e proxectos específicos. A selección realizarase mediante o envío dun vídeo con dúas interpretacións libres (ou tres no caso de percusión). O prazo límite para enviar a solicitude e o vídeo remata o 7 de setembro de 2025 ás 23.59 horas. As persoas admitidas serán informadas a través do web da USC e por correo electrónico.


Nesta edición convócanse prazas para  violín (17), viola (8), violonchelo (6), contrabaixo (3), frauta (1 + 2 reservas), óboe (2 reservas), clarinete (2 reservas), fagot (2), trompa (2 como III e IV), trompeta (1 + 2 reservas), trombón (2 + 2 reservas), trombón baixo (1), tuba (1), percusión (2 + 2 reservas), piano (1), cravo (1) e arpa (1). Aquelas persoas que xa participaron no Encontro de Verán 2025 da OCUSC poderán ingresar directamente, sen audición, cubrindo o formulario correspondente.


Coro

Coro da USC está aberto a todas aquelas persoas interesadas no canto coral, con ou sen formación musical previa. A agrupación ensaiará semanalmente os martes e xoves de 19.30 a 21.15 horas na Facultade de Ciencias da Comunicación, contando coa dirección artística dun equipo especializado e con ensaios extraordinarios puntuais. As audicións serán presenciais o martes 9 de setembro de 2025 ás 18.30 horas e consistirán nunha breve interpretación a capela ou con acompañamento, e nun exercicio vocal para coñecer o rexistro de cada participante. 

 

Convócanse prazas para sopranos (2), contraltos (3), tenores (9) e barítonos/baixos (8). Como no caso da orquestra, as persoas que participaron no Encontro de Verán poderán formar parte do coro sen realizar proba.

 

A participación no proxecto está recoñecida academicamente para o estudantado de Grao da USC, que poderá obter 4 ECTS por curso. A permanencia máxima é de tres anos, podendo ser prorrogada sen créditos adicionais en convocatorias sucesivas. 

Últimos días para inscribirse na Orquestra e o Coro da USC

Te puede interesar