A USC crea catro cátedras para homenaxear a Rosalía, Castelao, Otero Pedrayo e Carvalho Calero

As iniciativas, froito dun convenio co Parlamento e a Consellaría de Cultura, buscan afondar na investigación e difusión das súas obras e consolidar o papel da universidade como referente da cultura galega.
A USC crea catro cátedras para homenaxear a Rosalía, Castelao, Otero Pedrayo e Carvalho Calero
Foto de grupo das autoridades coas persoas que dirixirán as cátedras | Santi Alvite

Render tributo a “catro figuras senlleiras para a lingua e a cultura galegas”. Así definiu o reitor Antonio López Díaz a meta que perseguen as catro cátedras institucionais coas que a USC homenaxea as figuras de Rosalía de Castro, Ramón Otero Pedrayo, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Ricardo Carvalho Calero e que son froito dun convenio co Parlamento de Galicia e a Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude.


O Salón de Graos do Colexio de San Xerome acolleu este xoves 18 o acto de presentación destas catro iniciativas coas que a USC se achega, lembrou o reitor, ao que o intelectual Francisco Fernández del Riego destacou como a meta que debía perseguir a USC: non limitarse a ser unha universidade asentada en Galicia, senón ser ante todo “unha universidade galega”. O acto contou coa participación do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, e do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos.


Estas catro figuras, destacou Santalices Vieira, “referendan a nosa historia e a nosa cultura”. O presidente do Parlamento puxo o foco no proceso de diálogo e consenso que el mesmo e o reitor Antonio López Díaz mantiveron para facer posible estas catro cátedras institucionais e salientou que o Parlamento que el preside é o único de España no que todas as persoas que o compoñen “empregan a lingua nai”, dixo referíndose ao galego. Pola súa parte, José López Campos subliñou como estas catro cátedras permitirán, ademais de poñer en valor as persoas que lles dan nome, “profundar nas súas obras e traxectorias”. Estas iniciativas da USC, dixo, arroxarán “moita luz” a estas figuras “humanistas xa que se caracterizaban por situar o ser humano no centro”.


Rosalía de Castro

A Cátedra institucional Rosalía de Castro dedicarase ao estudo académico e crítico da súa obra e figura nas súas múltiples dimensións, buscando reforzar a súa proxección e coñecemento tanto no ámbito galego e peninsular como internacional. Terá como prioridade promover achegas sobre a autora dende paradigmas renovadores, sen esquecer cuestións máis tradicionalmente filolóxicas, como o coñecemento crítico da escritora en todos os seus aspectos, así como fomentar edicións do conxunto da súa produción, sen descartar posibles textos inéditos. Codirixida por María do Cebreiro e Fernando Cabo, afondará tamén no estudo da significación de Rosalía desde a perspectiva da memoria pública e promoverase a realización de cartografías e outro tipo de achegas.

 

Castelao

Similar obxectivo ten a Cátedra Castelao, dirixida polo profesor Henrique Monteagudo e concibida para a difusión e proxección cara ao futuro da vida e da obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e a lingua e a cultura galegas. Así, dedicarase ao fomento da investigación e da difusión a nivel estatal e internacional do autor e da cultura galeguista, a súa traxectoria e a súa obra, escrita, cívica e artística. 

 

Desenvolveranse ademais encontros académicos e actos divulgativos e produciranse materiais de distinto tipo, sendo prioritaria a creación dun sitio web de referencia, e dinamizaranse iniciativas e colaboracións con entidades relacionadas coa traxectoria, o pensamento e a obra de Castelao nos diversos campos -desde a Fundación Castelao ata o Museo do Pobo Galego-, e con aquelas vencelladas co estudo da tradición galeguista e coa memoria da Xeración Nós e das súas principais figuras.


Otero Pedrayo

Manter, arrequentar e espallar o coñecemento do legado artístico e intelectual de Ramón Otero Pedrayo, en tanto figura sobranceira da Galicia do século XX, é o propósito da cuarta cátedra institucional, que co dirixen Dolores Vilavedra e Francisco Durán e que contará coa colaboración de institucións culturais vencelladas directamente coa súa persoa como as Fundacións Otero Pedrayo e a Penzol, pero tamén coa Real Academia Galega na que ingresou no ano 1929.

 

Carvalho Calero

Pola súa banda, a Cátedra Carvalho Calero abordará a figura, o pensamento e a obra dun representante sobranceiro da cultura galeguista contemporánea e primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da USC. Entre os seus cometidos están a promoción e o estudo da literatura galega contemporánea, en continuidade das directrices do seu patrocinador intelectual, potenciando así o interese pola lectura e a escritura en galego, apoiando a nova creación, e estando atenta á análise das ideas sobre a Literatura e Cultura actuais, co desenvolvemento de modelos de innovación en educación, investigación e divulgación científica e cultural. O profesor Carlos Quiroga é o seu director.

A USC crea catro cátedras para homenaxear a Rosalía, Castelao, Otero Pedrayo e Carvalho Calero

Te puede interesar