A USC acollerá do 1 ao 4 de setembro o congreso internacional ISLE8 (8th Conference of the International Society for the Linguistics of English), organizado por dous grupos de investigación do Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá da Facultade de Filoloxía.
O comité organizador está presidido pola catedrática de lingüística inglesa María José López Couso, que ocupa desde 2021 o cargo de vicepresidenta da International Society for the Linguistics of English (ISLE). O acto inaugural presidido polo reitor Antonio López Díaz desenvolverase no Colexio de Fonseca, o día 1 de setembro, a partir das 18.15 horas. O resto das sesións terán lugar no Edificio Fontán da Cidade da Cultura.
O evento, que ten como lema "English Linguistics on the Way: Expanding Horizons" ("A lingüística inglesa en evolución: ampliando horizontes"), reunirá preto de 200 especialistas en todas as áreas de estudo da lingua e da lingüística inglesa procedentes de 26 países diferentes.
O programa inclúe preto de 120 relatorios, catro obradoiros, unha sesión de pósteres e cinco conferencias plenarias, que estarán impartidas por Bernd Kortmann (Universidade de Freiburg, Alemaña), Alexandra D’Arcy (Universidade de Victoria, Canadá), María del Pilar García Mayo (Universidade do País Vasco), Daniela Landert (Universidade de Heidelberg, Alemaña) e Graeme Trousdale (Universidade de Edimburgo, Reino Unido).