Achegarse ao final do verán significa aproveitar cada verbena coma se fose a última. Son poucos os días que restan para o equinoccio de outono e, a Asociación Veciñal As Marías ten preparada toda unha programación festiva para que as persoas interesadas reciban a nova estación co mellor sabor de boca.
Aínda que o prato forte está reservado para a fin de semana, todo aquel que queira gozar desta tradicional celebración compostelá poderá facelo a partir de hoxe. Concretamente, ás 21.30 horas, cunha sesión divulgativa sobre astronomía para toda a familia.
A xornada de mañá está especialmente pensada para os cativos da casa, cun obradoiro de cabezudos ás 18.00 horas e unha sesión de cinema infantil tres horas despois. Xa o venres, comezan os días grandes da festa.
O día 8 terá lugar a noite de música tradicional, que este ano contará coas actuacións de Pataghullos (22.00 horas), Bouba (23.00 horas) e Os Carunchos (á media noite).
Desde a mañá, o sábado propoñerá alboradas a cargo dos colectivos Devagarinho e As Ousadas de Sam Pedro. A planificación matinal continuará cunha volta ciclista polo barrio (que partirá ás 12.00 horas da Pastoriza) e o pregón de Xosé Manuel Penas, veciño e fundador da Sociedade Galega de Historia Natural.
Coa clásica sesión vermú e o xantar popular como transición, organizarase un bingo e, para os nenos, colocaranse castelos inchables. Xa pola noite, a partir das 22.00 horas, o barrio das Marías bailará ao ritmo da música tradicional.
Tras un largo catálogo de actividades para todos os públicos, os afamados festexos santiagueses despediranse o domingo ás 13.00 horas co concerto da Banda de Música da Bandeira.