Vite Arquiva: un proxecto para preservar a memoria histórica deste transcendental barrio compostelán

O proxecto, con sede no Centro Sociocultural José Saramago, nace ao abeiro dun proxecto vinculado ao Incipit co obxectivo de estudar o patrimonio cultural do barrio de vivendas sociais creado nos anos setenta
Vite Arquiva: un proxecto para preservar a memoria histórica deste transcendental barrio compostelán
Non inVITE ás drogas

Preservar a memoria de Vite. Ese é o obxectivo de Vite Arquiva, un proxecto con sede no Centro Sociocultural José Saramago que leva varios anos tratando de rescatar a memoria colectiva do coñecido barrio de Santiago de Compostela.

 

Vite Arquiva nace ao abeiro do Incipit, o Instituto de Investigación sobre Patrimonio Cultural pertencente ao Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

 

No 2017, o Incipit promoveu o proxecto Geoarpad co gallo de estudar o patrimonio de Galicia e do norte de Portugal. Dúas das investigadoras, María Masaguer e Paula Ballesteros, atopáronse con toda a historia agochada en Vite e decidiron estudala, facendo uso de novas metodoloxías participativas para recompilar testemuños do barrio. 

 

O barrio de Vite data dos anos setenta. A súa historia é curta pero intensa, pois nun principio creouse para habilitar vivendas sociais pero ao pouco converteuse nun dos puntos principais de distribución de heroína en Galicia. Especialmente, debido ás condicións de marxinalidade dos veciños e a falta de iniciativa por parte do Concello para controlar a situación.

 

Ante o abandono municipal acabaría tecéndose unha organización veciñal sen precedentes para paliar os problemas que asolagaban o barrio. As actuacións encamiñadas a facer de Vite un barrio renovado, reclamando servizos públicos de calidade, concentráronse na figura da Coordenadora do Barrio de Vite.

 

Vitearquivaportada
Non InVITE ás drogas, un cartel feito á man para loitar contra a lacra das drogas | Coordenadora de Vite, Vite Arquiva

 

A Coordenadora, que segue en funcionamento a día de hoxe, é unha entidade non xurídica que trata de organizar as distintas asociacións do barrio. Está formada por asociacións de nais e pais, membros de centros educativos e persoal do centro de saúde, entre outros. A día de hoxe, a Coordenadora dispón de moito material con décadas de historia que nutre asemade os caixóns de Vite Arquiva

 

Traballo organizado

 

Desde os seus inicios, Vite Arquiva optou por xerar tres grupos de traballo ou comisións que axudasen a recuperar ese patrimonio cultural que non merece ser esquecido: a comisión etnográfica, que ten o obxectivo de entrevistar ás persoas maiores do barrio, testemuñas directas da súa creación e evolución; a comisión web, que se encarga do funcionamento, actualización e mantemento da mesma; e a comisión de arquivado, que é a que cataloga todo o material que van recompilando.

 

Vitearquivasala
Carpetas organizadoras na sala de Vite Arquiva

 

A Vite Arquiva, ademais das investigadoras do Incipit, foron uníndose diversos colaboradores, desde educadores e traballadores sociais ata veciños do barrio, algúns dos cales relevantes na historia de Vite coma Rosa Álvarez e Xosé Iglesias ‘Luki’, que participaron nos movementos veciñais dos noventa. 

 

A pesar do esforzo por sacar adiante o proxecto, este pasou por altos e baixos. Unha vez rematou o programa Geoarpad, cortouse a liña de financiamento. Durante unha tempada mantívose en estado latente, ata que no 2021 o Incipit anunciou un novo plan, o Habitpat, que en principio se estenderá ata setembro deste ano 2024.

 

Unha das liñas deste proxecto compara o barrio de Vite co da Mouraría de Lisboa, ambos localizados en cidades, centrándose no seu patrimonio inmaterial.

 

A maiores, o Concello de Santiago tamén colabora con Vite Arquiva. O local que ocupan no Centro Sociocultural José Saramago foi cedido polo consistorio e cando é necesario tamén realizan achegas económicas para levar a cabo actividades diversas.

 

Actividades paralelas

 

Vite Arquiva benefíciase de actividades que repercuten directamente na supervivencia do proxecto. Durante os meses nos que estivo paralizado contaron coa colaboración do grupo de teatro Chévere, que organizou 'Drama Walker Vite', unha visita guiada pola zona. Tratouse dunha experiencia de ficción sonora que aproveitou o traballo de Vite Arquiva para narrar a memoria urbana do barrio a través das historias dos veciños. 

 

Por outra banda, Vite Arquiva organiza os 'Café con Vite', charlas da man de especialistas e persoas relevantes de Vite que afondan en diversas facetas do barrio. Un dos máis sonados foi o realizado no IES Arcebispo Xelmírez II, no que se afondou na relación entre o centro e o barrio de Vite. A actividade vinculouse co traballo de investigación que dous alumnos elaboraron no marco do Stembach sobre o papel do instituto nos cambios do barrio.

 

Asemade teñen organizado concursos e actividades en colaboración con asociacións culturais coma 'Ponte… nas ondas!'

 

Ademais, o xornalista Joel R. Gômez escribiu o libro 'Vite de Compostela. A comunidade (auto-)construida', que saíu á luz grazas a Vite Arquiva e que estuda as transformación da localidade nos seus primeiros anos de ocupación. Na actualidade, está en proceso outro libro sobre o que había antes das vivendas en Vite, desta vez da man do investigador da USC Carlos Cancela.

 

Vitearquivalibro
Páxinas do libro de Joel R. Gômez

 

En fase de apertura

 

A día de hoxe, Vite Arquiva atópase nunha fase de apertura ao público. Despois de varios anos xuntando material que vai desde mapas cartográficos ata fotografías, carteis, recortes de prensa e textos, chegou un punto no que non teñen capacidade abondo para xestionar máis recursos. 

 

Agora precisan de colaboradores que traballen nel para organizar todo o material. Brais Santomil, veciño do barrio e un dos principais colaboradores de Vite Arquiva, explica que buscan “persoas que se encarguen do arquivado e que rematen por vincularse un mínimo co proxecto, que vexan o que hai e propoñan actividades puntuais para dinamizalo”.

 

Buscamos persoas que se encarguen do arquivado e rematen por vincularse un mínimo co proxecto.

 

Á parte disto, interésalles especialmente compilar a memoria da xente maior, o piar fundamental do proxecto, tarefa que corre présa dado o envellecemento da poboación. Eles son os únicos que preservan a memoria histórica, polo que desde Vite Arquiva buscan “visitadores” que acompañen a estas persoas e conversen con elas sobre o barrio. 

 

Futuras liñas

 

Unha vez finalice o Habitpat, a pervivencia de Vite Arquiva é incerta, aínda que xa comezan a abrirse novas liñas para dinamizalo, coma o ArqueoVite2019 sobre a arqueoloxía da paisaxe e que repercutirá no proxecto. Con todo, e así o advirten desde o equipo organizativo, Vite Arquiva precisará máis que nunca da colaboración cidadá para pervivir.

 

Vitearquivamaterial
Veciños do barrio de Vite pintando un mural contra as drogas

Vite Arquiva: un proxecto para preservar a memoria histórica deste transcendental barrio compostelán

Te puede interesar