O xornalista e investigador do Camiño de Santiago Manuel F. Rodríguez impartirá varias conferencias en Xapón entre o 9 e o 14 de setembro, convidado pola Asociación Amigos do Camiño de Shikoku, que celebra o seu décimo aniversario. Os relatorios abordarán a recuperación contemporánea do Camiño de Santiago e as súas semellanzas e diferenzas coa ruta budista da illa xaponesa de Shikoku.
A primeira intervención terá lugar o día 9 no Congreso Internacional da Asociación dos 88 Templos do Camiño de Shikoku (Shikoku Henro), encontro que reúne entidades implicadas no estudo e desenvolvemento desta histórica ruta de peregrinación. Rodríguez tamén falará no salón de actos do Concello de Sanuki e na Universidade pública da prefectura de Kagawa, na súa Facultade de Educación.
Ademais, o xornalista galego está convidado a realizar algunhas etapas do Camiño de Shikoku, itinerario de 1.200 anos de historia e preto de 1.300 quilómetros, e a coñecer varios dos 88 templos que o conforman. Rodríguez participará igualmente nos actos de promoción desta ruta budista na Exposición Universal de Osaka 2025.
A Asociación Amigos do Camiño de Shikoku mantén unha colaboración estable con entidades vinculadas ao Camiño de Santiago, especialmente coas do Camiño Francés. En Galicia destaca a relación coa Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da Comarca de Sarria, que reforza os lazos culturais entre ambas as dúas rutas.
Rodríguez conta cunha longa carreira de divulgación e investigación sobre o Camiño de Santiago, con artigos publicados en diversos países e idiomas. Foi director e autor principal da Gran Enciclopedia do Camiño de Santiago. Diccionario de la cultura jacobea, unha obra en 18 tomos distribuída en 2010 por xornais de toda España e que se actualiza hoxe en liña a través de Xacopedia.com.
Participou en cursos e conferencias en preto de vinte países e en 2019 recibiu o Premio Internacional Aymeric Picaud, principal recoñecemento ao labor de investigación e difusión do fenómeno xacobeo.
Con esta nova viaxe, o investigador galego afonda no diálogo cultural entre Galicia e Xapón, dúas terras unidas polo espírito de peregrinación.