O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse esta tarde ata a rúa de San Pedro en Santiago de Compostela, para visitar as actividades organizadas polos obradoiros de xoiería de Kinga Haudek, Brigantia Orfebres e Noga Arts, así como o obradoiro de coiro El taller de Fer, que abren ao público os seus espazos para celebrar os Días Europeos da Artesanía.
Entre hoxe e o domingo, ofreceranlle aos visitantes a posibilidade de realizar unha peza artesanal empregando metal e coiro, practicando un proceso diferente en cada un dos talleres participantes. Tamén en Santiago de Compostela e con motivo dos Días da Artesanía, a Xunta colabora coas actividades organizadas por Creativas Galegas. Hoxe estase a celebrar un taller de calceta con La con Agarimo, que mañá protagonizará un escaparate vivente e o sábado a protagonista será Mocao Artesanía, cun taller pola mañá e un escaparate vivente pola tarde.