O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, inaugurou hoxe no Instituto IES Arcebispo Xelmírez I, en Santiago de Compostela, o mural A Bolboreta branca, obra do recoñecido artista urbano Mon Devane encargada pola Xunta de Galicia para lanzar unha mensaxe de tolerancia cero con motivo deste Día Internacional contra o acoso escolar.
O titular do departamento educativo, que estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, sinala que o obxectivo “é transmitir unha mensaxe clara: aínda que en Galicia, en xeral, o nivel de convivencia nos centros é bo, mentres haxa un só caso debemos manter unha actitude de tolerancia cero e traballar pola mellora constante”. Nesta finalidade enmárcase este colaboración con Mon Devane, ex-alumno do Instituto IES Universidade Laboral de Ourense.
O centro elixido para instalar o mural orixinal é o IES Arcebispo Xelmírez I da capital galega, gañador do I Premio Tolerancia cero fronte ao acoso escolar na categoría da ESO, entregado precisamente a semana pasada e cuxo traballo puxo en valor o conselleiro.
Como explica o autor, o mural, que se difundirá en forma de cartel nos centros no marco desta campaña de sensibilización, “presenta dúas mans de cor turquesa que sosteñen con delicadeza unha bolboreta de papel, elaborada a partir dunha folla cadrada, coma as empregadas nos cadernos escolares”. Esta bolboreta leva escritas a man palabras (respecto, afouteza, empatía, azo, coraxe, amizade e bravura) que reforzan os valores esenciais para construír contornos escolares seguros, inclusivos e respectuosos.
A cor turquesa -predominante nas mans e característica do autor- “transmite calma, protección e esperanza, o que suxire unha atmosfera de coidado e apoio”, engade. “As mans abertas simbolizan a necesidade de soster, protexer e fomentar estes valores no ámbito escolar, evitando así que se rompa a inocencia e a fraxilidade que representa a bolboreta”. Este animal “é un símbolo de transformación, crecemento e fraxilidade, que evoca a vulnerabilidade dos nenos fronte ao acoso, pero tamén o seu potencial de desenvolverse plenamente se son protexidos nun ambiente de respecto e empatía”.
Como explicou Román Rodríguez, as políticas en prol da convivencia nos centros son unha prioridade para a Xunta. “Galicia aborda o acoso escolar a través da Estratexia galega de convivencia escolar 2025, dotada con 5,5M€, no que se integra o Plan integral contra o acoso e o ciberacoso ou a formación específica para o profesorado”, detallou.
Ademais, fixo fincapé na boa acollida nos centros dos puntos laranxas contra o acoso escolar, instalados no pasado curso que funcionan como unha caixa de correo -física e virtual- a través da cal o alumnado pode comunicar ou denunciar, de maneira anónima, posibles situacións de acoso ou ciberacoso que sufran ou perciban en terceiros.
Román Rodríguez recordou tamén que o Goberno galego creará este ano unha rede de concellos contra o acoso escolar para intensificar o traballo ante este tipo de situacións, tal e como avanzou o presidente Alfonso Rueda no Debate sobre política xeral.
No marco desta estratexia integral, o conselleiro anunciou tamén o lanzamento o vindeiro luns da V Macroenquisa de diagnose da convivencia escolar, o maior estudo bianual que se fai en Galicia nesta materia, e que supuxo na súa última edición (en 2023) o procesamento de 43 millóns de datos de máis de 172.000 enquisas. O titular de Educación da Xunta resaltou na boa situación do clima de convivencia nas aulas galegas, como constatan as edicións de 2015, 2019, 2021 e 2023, nas que o 90% da comunidade educativa galega afirma que non existen problemas de convivencia ou son puntuais.
De cara á edición de 2025, introdúcense dúas novas preguntas, en relación á valoración sobre dúas novas medidas implantadas desde o último estudo: a prohibición dos móbiles na totalidade dos recintos educativos e a instalación dos referidos puntos laranxas.
A enquisa está destinada a todos os centros sostidos con fondos públicos e aberta a todo o profesorado, persoal non docente e familias. No caso do alumnado, poderán participar os estudantes a partir de 5º de Primaria. Para os casos nos que o alumnado o precise, están dispoñibles cuestionarios pictográficos. Agás As familias, facilitarase que o resto dos colectivos respondan as preguntas no propio centro educativo.
Os cuestionarios deben ser cubertos en liña entre o 5 e o 26 de maio de 2025. A súa duración e tipo de preguntas está adaptado a cada colectivo, aínda que de media se tarda uns 15 minutos en respondelo, segundo a experiencia das anteriores edicións.