A nova Estratexia de Turismo de Galicia 2030 posta en marcha pola Xunta de Galicia conta cun investimento de máis de 1.000 millóns de euros cos obxectivos prioritarios de potenciar un turismo sostible, coa hospitalidade como sinal de identidade e que beneficie ao conxunto do territorio. Elaborada partindo dun proceso de diagnose no que participaron máis de 1.000 profesionais a través de mesas de traballo, en coordinación co Clúster Turismo de Galicia e coa colaboración das universidades galegas esta folla de ruta conta cun total de 64 medidas.
O obxectivo é seguir aproveitando o potencial turístico da comunidade, de forma sostible e afondar nos avances cualitativos do destino. Así, propón medrar onde sexa máis necesario, poñendo o foco no rural; apostar por un turismo máis internacional e máis desestacionalizado; e no que se prime a convivencia coas comunidades locais. De feito, un terzo de todo o orzamento destinarase a sustentabilidade no seu sentido máis amplo: medio ambiental, pero tamén social, co obxectivo de xerar unha relación positiva entre turistas e residentes.
O documento articúlase ao redor de 8 misións ou obxectivos: destino auténtico e diferencial; sostibilidade integral; promoción, comercialización, desestacionalización e internacionalización do destino; rendibilidade empresarial e competitividade; mobilidade, conectividade turística e reequilibrio territorial; gobernanza do destino; intelixencia turística e transformación dixital; e capital humano e retención do talento.
Cada un destes eixos inclúe unha batería de propostas para avanzar como a creación dun portelo único para o sector que permitirá desburocratizar e simplificar os trámites ao facilitar que as empresas non teñan que acudir a diferentes departamentos. Deste xeito, contribuirase a axilizar a creación de negocios e atraer novos investimentos.
A Estratexia inclúe tamén medidas para prestixiar o sector e as profesións turísticas e contribuír a xerar emprego de calidade, co obxectivo último de crear e reter talento. Para conseguilo, nestes anos potenciarase o papel do Centro Superior de Hostalería de Galicia que habilitará novas formacións, e anticiparase ás necesidades do mercado.
No ámbito dixital, entre outras medidas, finalizarase o proxecto que está en marcha do xemelgo dixital do Camiño de Santiago e seguirase aplicando esta ferramenta para outros espazos singulares. Grazas a iso, poderanse facer simulacións e predicións para tomar as decisións axeitadas e informadas.
Tamén se fomentará o uso de diferentes medios de transporte brandos (bicicletas, itinerarios a pé...) e da mobilidade eléctrica para conectar os grandes nodos de transporte cos recursos turísticos. Ademais, seguirase impulsando o termalismo, de feito porase en marcha un Plan Termal que permitirá renovar as infraestructuras termais de galicia.
No turismo dos próximos anos tamén xogará un papel fundamental o Xacobeo 2027, para o que xa se está traballando co obxectivo de que volva ser un éxito, como o dobre Ano Santo Anterior. En definitiva, a Xunta de Galicia busca reforzar Galicia como destino sostible, que xere riqueza e todo o territorio; que poña o foco nas persoas -nas que nos visitan e nas que viven aquí-; e que aposte pola hospitalidade como sinal de identidade de Galicia.