O Concello do Pino vén de anunciar a posta en marcha dunha nova edición do programa Vai de Auga, unha iniciativa xa consolidada no municipio que aposta polo benestar físico e emocional da veciñanza a través das propiedades terapéuticas das augas termais.
Nesta edición de 2025, o programa inclúe cinco saídas ao Acquaform Termas de Cuntis, os mércores 7, 14, 21 e 28 de maio e o 4 de xuño. As persoas participantes sairán ás 16:30 horas da Praza do Concello e regresarán arredor das 20:00 horas.
O prezo para participar é de 70 euros, e inclúe o acceso completo ás instalacións das termas. O desprazamento en autobús está subvencionado na súa totalidade polo Concello, polo que o traslado será gratuíto para todas as persoas inscritas.
As inscricións abrirán o luns 21 de abril no Rexistro do Concello, e as prazas están limitadas a 55 persoas, que se cubrirán por orde de inscrición. Para máis información, pode contactarse coa Casa da Cultura no teléfono 981 511 065.
Desde o Concello lembran que os menores poderán asistir, sempre que vaian acompañados dunha persoa adulta.
O programa Vai de Auga leva anos sendo unha das actividades mellor valoradas pola cidadanía, tanto polos seus efectos beneficiosos na saúde –especialmente en persoas con problemas musculares ou articulares– como polo seu papel como espazo de convivencia e relación social.