O Concello de O Pino ultima os preparativos da IV Festa da Familia Papaventos, que se celebrará o sábado 13 de setembro na área recreativa da Madalena.
A programación arrincará ás 16.00 horas cun espazo lúdico no que haberá obradoiros en familia, xogos populares e a xa tradicional festa holi, que encherá de cor a carballeira. A proposta está pensada para fomentar a participación conxunta de pequenos e maiores, nun ambiente distendido e festivo.
O apartado artístico abrirase ás 16.45 horas coa compañía A Farra Xous, que presentará Bambolina, un espectáculo de clown protagonizado por dous pallasos que mesturan humor absurdo e tenrura.
Ás 18.00 horas será a quenda de Facendo o indio, da compañía Galitoon, unha proposta chea de accións disparatadas e participación do público que ofrece a súa particular visión da cultura das tribos indias americanas.
O peche da festa chegará ás 20.00 horas co espectáculo Galerock’N’Magic do Mago Teto, unha combinación de música en directo, humor e maxia que percorre a historia musical galega, desde o Xabarín Club ata os grupos máis actuais.
Ao longo das súas catro edicións, a Festa da Familia Papaventos consolidouse como unha das celebracións máis queridas do municipio, pola súa capacidade de mesturar xogos de sempre con propostas escénicas innovadoras. O Concello destaca que se trata dunha ocasión perfecta para compartir tempo en familia e gozar dunha tarde de lecer no espazo natural da Madalena.