O Pino rende homenaxe a don José María García polos seus 65 anos de servizo como párroco

Máis de 300 veciños acompañaron ao sacerdote na celebración, que incluíu unha misa, un xantar popular e unha obra de teatro
O Pino rende homenaxe a don José María García polos seus 65 anos de servizo como párroco
O alcalde da localidade xunto ao párroco, don José María García Vázquez

Lardeiros viviu este domingo unha xornada cargada de emoción e lembranzas coa homenaxe a don José María García Vázquez, que cumpre 65 anos como párroco no municipio de O Pino. O acto congregou a máis de trescentas persoas, entre veciños, familiares e outros sacerdotes da comarca, que quixeron recoñecer o seu labor nunha parroquia á que chegou no ano 1960.

 

A homenaxe comezou cunha misa cantada na igrexa de Lardeiros, presidida polo propio don José. Alí descubriuse unha nova placa que lembra o seu paso polas parroquias de Lardeiros, Gonzar e Pastor, onde exerceu tamén como párroco dende 1988 e 1990, respectivamente. No frontal da igrexa lucen agora dúas placas en lembranza da súa entrega á comunidade.

 

 SIL2091
 

 

Unha vida de servizo á veciñanza

O alcalde de O Pino, Manuel Taboada, destacou a figura de don José como “un referente espiritual e humano”, e entregoulle unha placa en nome do Concello como mostra de agradecemento polos seus 65 anos de servizo en Lardeiros, 37 en Gonzar e 35 en Pastor. Agradeceulle tamén o seu acompañamento constante “nos momentos máis significativos da vida dos seus fregueses”, subliñando que “non foi só un cura, senón tamén guía e confidente”.

 

 

Durante o xantar popular que seguiu á misa, os veciños recordaron o compromiso social do sacerdote: impulsou pistas para facilitar o acceso ás vivendas, promoveu un teleclub para a mocidade, unha cooperativa para negociar o prezo do leite e mesmo facía de taxista e ofrecía o seu teléfono ao servizo da comunidade.

 

 SIL2365
 

 

Don José, emocionado, agradeceu o agarimo da veciñanza e asegurou que o mérito dos logros foi da “unión veciñal”. Lembrou que, ao chegar a unha parroquia con carencias, os propios veciños abriron sete quilómetros de pistas e puxeron en marcha unha escola para os máis de cen nenos que había entón. “Eu non merezo tantas mostras de agarimo”, dixo con humildade.

 

Teatro e música para pechar a homenaxe

A celebración pechouse cunha representación teatral titulada O testamento de Nacho, interpretada polas veciñas de Lardeiros, e coa actuación do grupo Reviravolta, que puxo banda sonora á misa e ao remate do evento, mantendo viva a tradición musical da parroquia.

O Pino rende homenaxe a don José María García polos seus 65 anos de servizo como párroco

Te puede interesar