O Concello de Padrón dálle unha volta ao concepto tradicional de lecer xuvenil cun evento que mestura pantallas, talento creativo e conciencia social. Esta fin de semana, o pavillón do Souto acollerá a Padrón Game Party, unha cita para mozos e mozas que aposta polos videoxogos, a tecnoloxía e a cultura urbana sen esquecer valores como a inclusión, a igualdade de xénero e o apoio ao voluntariado.
Durante o sábado 10 e domingo 11 de maio, as persoas asistentes poderán competir en torneos de grandes títulos como League of Legends, Fortnite, Tekken 8 ou Mario Kart 8, pero tamén mergullarse en zonas de realidade virtual (Beat Saber VR), xogos de mesa ou obradoiros creativos de cómic, deseño de cartas Pokémon 3D e ilustración con bolígrafos Bic.
A programación desta edición quere ir máis alá do xogo competitivo e poñer o foco en cuestións sociais clave. Así, a visibilización da muller no mundo gaming, a inclusión das persoas neurodiverxentes (especialmente con TDAH) e o papel fundamental do voluntariado xuvenil serán eixes centrais de diversas actividades e relatorios.
Entre os momentos destacados do sábado estarán a conferencia de Antifta, experta en perrucas e caracterización para cine e cosplay; unha sesión artística coa ilustradora Belén Diz e un relatorio da Asociación TDAH Salnés sobre igualdade e inclusión nos videoxogos. Tamén haberá música en directo con Freak GZM, que interpretará versións de bandas sonoras de anime e videoxogos, e un Concurso de Cosplay con xurado profesional.
O domingo continuará a creatividade coas conferencias de Sayumi (cosplayer e deseñadora de vestiario) e o obradoiro das creadoras do webcomic El Bertedero. O día pechará co concerto de Yell0, artista galego que mestura electrónica, funk e jazz con sons inspirados en videoxogos.
A concelleira de Dixitalización e Novas Tecnoloxías, Laura Horta, destaca que a Padrón Game Party “é un proxecto lanzado de xeito moi directo á xuventude do noso concello e da contorna, que pretende ademais sensibilizar sobre a figura feminina no xogo e a boa visibilidade en persoas neurodiverxentes”.
Pola súa banda, o alcalde Anxo Arca, xunto coa subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas López, estarán presentes no acto inaugural, previsto para o sábado ás 13:15 horas.
O evento conta con financiamento do INJUVE e da FEMP, dentro do programa de axudas a entidades locais 2024-2025, e reforza a aposta do concello por un lecer innovador, participativo e con compromiso social.