A IV Carreira de Orientación do Concello de Ames celebrarase o vindeiro domingo 11 de maio. A proba, desta volta, realizarase na localidade do Milladoiro, a partir das 11.00 horas. O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro mércores, 7 de maio, ata as 23.59 horas, e pódese facer a través deste formulario.
A concelleira de Deportes, Susana Señorís, subliñou que “é unha proba que leva xa realizándose varios anos e que a día de hoxe xa conta cunha gran acollida entre a veciñanza. A carreira de orientación é unha oportunidade para pasar unha xornada diferente en familia, desfrutando da natureza, descifrando os planos da proba todos xuntos e descubrindo novos recunchos do noso concello”.
A carreira que se celebrará o vindeiro domingo 11 de maio ten como obxectivo visitar no menor tempo posible todas as balizas que aparecen no mapa da proba, que se entregará ao comezo da mesma.
A inscrición para participar pódese facer de xeito individual ou en grupo (ata 6 participantes por equipo). As persoas que queiran participar de forma individual, deberán realizar a inscrición por separado. Deste xeito, poderase escoller algunha das seguintes categorías de participación:
As saídas comezarán ás 11.00 horas e realizaranse por categorías, é dicir, todas as persoas dunha mesma categoría sairán ao mesmo tempo. Por outra banda, desde a organización da proba, facilitarase unha tarxeta electrónica para poder ir rexistrando o paso por cada unha das balizas. O percorrido deberá completarse na orde establecida desde a saída ata a meta.
Para obter máis información pódese chamar ao número de teléfono 644 567 614, escribir un correo electrónico a info@xestanatureza.com ou visitar a páxina web www.xestanatureza.com.