O alumnado do IES de Brión propón recuperar un local no Montebalado como punto de encontro xuvenil

O alumnado do IES de Brión propón recuperar un local no Montebalado como punto de encontro xuvenil
A recepción ca corporación municipal do Concello de Brión ao estudantado tivo lugar este luns

O alcalde de Brión, Pablo Lago, acompañado polos concelleiros de Ensino, Guarina Rey, e de Obras, José Antonio Vidal, recibiu este luns a un grupo de rapaces e rapazas do IES de Brión integrados na Rede Compás, que lle fixeron entrega dun manifesto no que propoñen a creación dun Espazo Xuvenil Municipal no centro comercial Montebalado.

 

Original
Montebalado

 

Lago asegurou que esta é unha iniciativa que conta co compromiso do actual equipo de Goberno e valorou positivamente a proposta do emprazamento, comprometéndose a estudar a súa viabilidade nun dos locais existentes no centro. “A creación dun espazo onde a nosa mocidade poida levar a cabo as actividades que desexen é un compromiso deste equipo de Goberno e imos cumprilo”, afirmou.

 

Unha mocidade activa, creativa e con propostas concretas

A concelleira Guarina Rey agradeceu a participación da mocidade e explicou que o Concello ten aberto diferentes canles para que a xuventude traslade as súas propostas. Salientou tamén a importancia de fomentar reunións periódicas co alumnado dos distintos cursos do instituto, das que precisamente xurdiu esta iniciativa a través da Rede Compás.

 

 

Pola súa banda, o concelleiro de Obras destacou as melloras que se están acometendo na contorna do IES, como a ampliación do polideportivo de Pedrouzos e a cesión do patio escolar, que será pechado para poder darlle uso fóra do horario lectivo. Tamén anunciou que se está a tramitar a compra dunha parcela para construír o futuro auditorio municipal, un edificio multifuncional que incluirá biblioteca intelixente e espazos culturais e sociais.

 

Seguridade viaria e outras demandas da mocidade

Ademais da proposta para o espazo xuvenil, o alumnado trasladou ao equipo de Goberno outras necesidades detectadas no municipio, como a mellora da seguridade viaria nas estradas de Liñares e Pérros. O alcalde explicou que ambas vías son titularidade da Xunta de Galicia, pero que o Concello xa trasladou propostas e que a renovación das luminarias, cuxa execución comezará proximamente, permitirá mellorar a visibilidade nos pasos de peóns e incrementar a seguridade.

 

 

A Rede Compás, un proxecto de participación xuvenil no rural

A mocidade participante nesta reunión forma parte da Rede Compás, un proxecto impulsado pola ONG Agareso e financiado pola Unión Europea no marco do programa Erasmus Plus KA154. A rede está formada por cinco centros educativos do rural galego, incluído o IES de Brión, e ten como obxectivo fomentar o activismo xuvenil e a participación política local, promovendo o intercambio de experiencias entre mozos e mozas de diferentes concellos.

O alumnado do IES de Brión propón recuperar un local no Montebalado como punto de encontro xuvenil

Te puede interesar