'40 invernos': unha historia ilustrada sobre Man, o alemán de Camelle

Anxo Romar é o autor da primeira novela gráfica sobre Manfred Gnädinger, o curioso artista que deixou unha fonda pegada no porto camariñés e que hoxe é considerado todo unha lenda
'40 invernos': unha historia ilustrada sobre Man, o alemán de Camelle
multimedia images imageneditada 1052

Hai persoas que son un non parar. Persoas cheas de ideas e de creatividade, incapaces de dedicar os seus esforzos a unha soa tarefa e ansiosos por mergullarse en diferentes disciplinas. 

 

Tal é o caso de Anxo Romar, natural de Camelle (Camariñas) pero residente en Santiago de Compostela, licenciado en química e profesor de instituto ata a súa xubilación o pasado ano. 

 

Pero tamén pintor, debuxante, músico, estudante de idiomas e quizais algunha cousa máis se se lle acaba por antollar.

 

Anxo Romar sempre compaxinou o seu traballo coma docente coas súas paixóns. Leva arredor de vinte anos pintando e debuxando, as que quizais sexan as súas grandes afeccións e as cales foi perfeccionando grazas á súa muller, quen, tamén amante da pintura, lle deu algunhas nocións.

 

Amante asemade das historias curiosas, os anos que pasou en Camelle cando era máis novo fixérono coñecer a historia de Manfred Gnädinger, tamén coñecido coma o alemán de Camelle, e quedou fantasiado coa súa biografía. 

 

Isto é o que levou a Anxo Romar a escribir unha novela gráfica sobre a vida desta coñecida personaxe, un artista sobre o que xiraron lendas e relatos da máis diversa índole, pero do que poucos ou ninguén coñece a verdadeira historia. 

 

Romarsofa
Anxo Romar no sofá onde escribiu '40 invernos' | CEDIDA

 

Anos de preparación

 

Anxo Romar coñeceu a Manfred cando era mozo. Non tiña relación con el, simplemente o vía recorrentemente e observaba os seus quefaceres. A calquera podería espertarlle a curiosidade calquera movemento no intrigante alemán, amante da natureza e distante á sociedade.

 

Cando morreu, poucos días despois do desastre do Prestige —corre o rumor de que morreu de pena—, Anxo Romar foi gardando recortes das noticias que os medios de comunicación ían publicando. Pouco a pouco recompilou máis e máis información, mesmo de libros e documentais, o que foi conformando o corpus bibliográfico que daría forma á súa obra.

 

Romarlibro
Portada de '40 invernos'

 

'40 invernos' é o resultado dun longo proceso de recollida de información, materializada nunha novela gráfica que tenta tratar con respecto a figura de Manfred, expoñendo todas as teorías arredor da súa traxectoria vital e salientando o traballo artístico do alemán, que perdura -cada vez en menor medida- na costa de Camelle. 

 

Nun momento de convalecencia

 

Romar lanzouse a escribir a novela hai un par de anos, durante unha baixa laboral por mor da rotura do tendón de Aquiles. Inquedo como é, non podía permanecer sen nada que facer. Desde o sofá do seu salón foi escribindo o seu libro ata remátalo no mesmo curso académico. 

 

O libro, ilustrado con debuxos realizados cunha técnica moi propia do seu autor, acompáñase de pequenos textos en galego. Romar decidiu estruturar a novela en varios capítulos ou puntos que representan momentos ou aspectos chave da vida de Manfred: a soidade, o fogar, os círculos, a natureza…

 

O resultado final concretouse en algo máis de cen páxinas en tamaño A4, totalmente fieis ao traballo orixinal de Anxo Romar -non houbo cambios na edición-. Así, o lector de '40 invernos' pode facer un repaso lixeiro pola vida do alemán de Camelle, coñecer a súa historia non só de xeito textual, como é o habitual, senón tamén visual, pois os trazos de Romar esbozan retallos da vida do seu protagonista con verdadeira proximidade.

 

Os que o apoiaron

 

'40 invernos' pode adquirirse en varias librerías da xeografía galega. Parte da culpa téñena persoas do círculo próximo a Anxo, que o animaron desde o principio a que o seu proxecto vise a luz.

 

Romarlibreria
'40 invernos' no escaparate da librería Follas Novas | CEDIDA

 

“A miña muller viu o traballo que fixen e suxeriume que o publicase”, comenta Romar. Por outra banda, a súa cuñada, que é filóloga, axudouno no proceso de corrección dos posibles erros que houbese nos textos en galego, dado que Anxo Romar nunca estudou galego na escola. 

 

A miña muller viu o traballo que fixen e suxeriume que o publicase

 

Fóra do ámbito familiar, unha amiga da súa muller aconsellouno sobre o proceso de publicación: o primeiro paso sempre é inscribir a obra no rexistro da propiedade. Despois vén o paso máis complexo, atopar unha editorial que queira publicala

 

Anxo Romar probou con varias editoriais galegas. Con algunha mantivo conversas e promesas de publicación que finalmente non chegaron a ningún lugar. 

 

Tempo despois, nunha tarde de verán mentres pasaba por Noia, o autor atopouse coa editorial Toxosoutos. Decidiu, por que non, probar sorte unha vez máis. 

 

E por fin tivo sorte

 

Saíron 300 exemplares, algúns dos cales colleu Romar para vendelos pola súa conta e outros foron adquiridos por bibliotecas, institutos e mesmo polo Concello de Camariñas. O resto están espallados por varias librerías e tamén en páxinas en liña. 

 

A Anxo Romar funciónalle o boca a boca. Conseguiu repartir o seu produto entre familiares, amigos, e amigos de amigos. Tamén facendo publicidade vía Facebook. O seu incansable traballo tamén o levou a conseguir que se faga unha presentación no museo que Manfred creou durante a súa estancia en Camelle, lugar onde deixou patente a súa pegada artística

 

Romarmuseomandecamellecom
Museo do alemán de Camelle | mandecamelle.com

 

E mentres segue na voráxine da súa primeira novela gráfica publicada, Anxo Romar non perde o tempo. Xa anda metido noutros proxectos, algúns dos cales arrastra desde a pandemia e que agora pretende pechar. Tamén está a elaborar unha nova novela gráfica, un pouco distinta a '40 invernos'. 

 

Polo de pronto, anima aos interesados a ler '40 invernos': “é un xeito de que siga viva a lenda de Manfred, que xa forma parte da idiosincrasia do noso pobo. Animo a todos a ler '40 invernos', é unha historia moi curiosa”. 

'40 invernos': unha historia ilustrada sobre Man, o alemán de Camelle

Te puede interesar