O Auditorio Municipal de Padrón acolleu esta tarde o acto central da segunda edición do Día da Memoria Democrática Padronesa, unha cita institucional impulsada polo Concello para honrar a todas aquelas persoas represaliadas polo franquismo e promover os valores da xustiza, da liberdade e da memoria.
O acto contou coa participación da Banda Municipal de Padrón, do dúo de acordeóns Ad Libitum -que interpretou pezas emblemáticas como ¡Ay, Carmela! ou o Himno de Riego-, e coa lectura de textos a cargo das integrantes da asociación feminista Moradaura. Durante o acto, o alcalde de Padrón, Anxo Arca, lembrou que esta conmemoración chega “tendo dado un paso moi importante que fai que o noso pobo continúe avanzando en materia de Memoria”.
“O pasado 27 de marzo, o pleno da Corporación aprobou por unanimidade a retirada de todas as honras ao ditador: o recoñecemento de fillo adoptivo, o título de alcalde honorario e a medalla de ouro deste Concello. Houbo que esperar 50 anos dende a súa morte, pero Padrón, en pleno ano Castelao, rachou os seus vínculos co réxime pensando naquelas persoas que tiveron que padecelo con sufrimento”, recordou.
Anxo Arca insistiu en que “pensando naquelas persoas que loitaron pola liberdade, esta vila seguirá camiñando cara á verdade, afondando no coñecemento do noso pasado sen vergonza, xa sen medo, co apoio e a implicación institucional do Concello e do Estado”.
Ademais, reafirmou o seu compromiso de retirar a simboloxía fascista e fomentar “unha cultura de paz e entendemento dende o coñecemento da realidade”. “Porque cremos na democracia. Porque queremos agradecervos con feitos a todas as persoas que corréchedes riscos e padecéchedes a represión que hoxe nós, poidamos sentir, ser e vivir en liberdade”, concluíu o rexedor.
Este ano, o Concello rendeu homenaxe a Alberte de Esteban Gracia, recoñecido referente do movemento anarcosindicalista, da educación pública e da defensa da lingua galega. No seu discurso, comezou agradecendo o recoñecemento, que dixo “non merecer”, e felicitou ao Concello e ao alcalde pola organización dun Día da Memoria “e pola recente decisión de retirar a simboloxía franquista no municipio”.
Alberte de Esteban definiuse como “anarquista e afiliado á CNT, ademais de estar implicado en cuestións de loita social dende moi novo”. Lembrou a súa traxectoria como mariño mercante, actor de teatro e, sobre todo, como profesor de Lingua e Literatura Galega no IES Macías o Namorado, centro ao que contribuíu a dar nome. “Procedo dunha familia de anarcosindicalistas moi activa durante a Guerra Civil en Madrid en 1936. Pero esa historia foi soterrada durante moitísimos anos e mesmo na miña casa nunca se falou por ese terror que nos meteron durante toda a posguerra de Franco”, afirmou.
“Por iso é tan necesaria esta cuestión da Memoria Histórica, para poder recuperar a nosa historia, esa que sempre foi negada e sepultada”, engadiu. O homenaxeado fixo tamén un repaso pola súa etapa de 23 anos como docente en Padrón, destacando iniciativas como o obradoiro Fume de Carozo que fomentaba a plantación de árbores ou o uso da bicicleta, sempre coa vontade de “crear espíritos libres, comprometidos e con criterio propio, independentemente do que pensasen”.