Antón Fernández e Lucía Domínguez, gañadores dos Premios Minerva do Colexio Peleteiro

Antón Fernández e Lucía Domínguez, gañadores dos Premios Minerva do Colexio Peleteiro
O xuradom deliberando

O talento literario xuvenil galego brilla con luz propia un ano máis grazas aos Premios Literarios Minerva, organizados polo Colexio M. Peleteiro. Nesta 53ª edición, os grandes protagonistas foron Antón Fernández Rodríguez e Lucía Domínguez Pereira, gañadores nas modalidades de poesía e narración, respectivamente.

 

O certame, que busca impulsar a creatividade literaria entre os mozos e fomentar o uso do galego, contou cunha alta participación de estudantes de ESO, Bacharelato e FP de toda Galicia. O xurado destacou o altísimo nivel das obras premiadas, augurando un brillante futuro para as letras galegas.

Os textos galardoados

 

Na categoría de narración, Lucía Domínguez Pereira, de 17 anos e alumna do IES Xoán Montes de Lugo, alzouse co primeiro premio grazas ao seu relato "Vida de celuloide". A súa historia destacou pola súa orixinalidade e profundidade narrativa, facéndose merecedora dos 800 euros e da medalla conmemorativa do certame. Xunto a ela, Marta Rodríguez Domínguez e Clara Lage González completaron o podio cos seus relatos "Escintileos ao amencer" e "O cazador de vagalumes".

 

Pola súa banda, Antón Fernández Rodríguez, estudante de 2º de Bacharelato no Colexio Calasanz PP. Escolapios da Coruña, foi o gañador na modalidade de poesía coa obra "Cartografía dun amor imposíbel", un poemario que conquistou ao xurado pola súa fondura e riqueza estilística. Gabriela Fernández Gómez e Minerva Cairo Villar acadaron o segundo e terceiro premio con "Memorias dunha astrónoma" e "Faena".

 

Un trampolín para novos escritores

O certame Minerva, que leva máis de cinco décadas descubrindo novos talentos, serviu de plataforma para autores de renome como Suso de Toro, Berta Dávila ou Olga Novo. "O nivel dos traballos premiados é unha boa mostra da forza do talento novo que, coma sempre, agardamos que se sume á ampla relación de autores xa recoñecidos", sinalou Mon G. Buhigas, secretario do certame e profesor do Colexio M. Peleteiro.

 

A entrega de premios celebrarase o vindeiro 3 de abril nun acto literario no Colexio M. Peleteiro, onde os galardoados lerán un adianto das súa obras. Ademais, os textos premiados serán publicados nun libro editado polo propio centro, consolidando o recoñecemento a estes mozos creadores.

 

Os Premios Minerva demostran, unha vez máis, que a literatura galega ten garantido o seu futuro grazas á paixón e o talento da súa nova xeración de escritores.

Antón Fernández e Lucía Domínguez, gañadores dos Premios Minerva do Colexio Peleteiro

Te puede interesar