Así foi a festa de Santa Minia en Brión

A afluencia de persoas é moito maior que en edicións anteriores. As cinco polbeiras estiveron cheas durante toda a mañá e as visitas ao sepulcro da Santa tiveron ata 25 minutos de agarda
Así foi a festa de Santa Minia en Brión
Charanga de Santa Minia

Brión vive hoxe un Día Grande de Santa Minia moi especial. En primeiro lugar, polo peche ao público de gran parte da carballeira. E, en segundo lugar, pola gran afluencia de romeiros e devotos de toda Galicia que ateigaron a contorna da capela de Santa Minia dende primeiras horas da mañá. Unha riada de xente como non se lembraba nos últimos anos e que, coincidindo coa misa solemne e a hora do xantar, mesmo colgou o cartel de “completo” nos aparcamentos máis próximos á carballeira, algo que non acontecera no último lustro.

 

O tempo está a acompañar, salvo algún que outro chuvasco ocasional pero de escasa entidade, o que animou a achegarse ata o santuario a milleiros de persoas non só de Brión, senón tamén das comarcas próximas como Santiago, Barbanza, Noia, Xallas e Ordes. De feito, xa durante a noite de onte xoves, Día de Vésperas, a parcela dos concertos estivo totalmente chea durante a tirada de fogos de artificio e a verbena coas orquestras Los Satélites e Olympus, cuxo final estivo pasado por auga debido a un forte trebón.

 

As visitas ao santuario comezaron ás nove da mañá e desenvolvéronse con colas, cunha espera media de dez minutos pero que aumentou ata os 25 minutos coincidindo coa celebración da misa solemne. Deste xeito, milleiros de devotos cumpriron coa tradición de bicar o sepulcro onde repousa a santa, pasar sobre el as típicas estampiñas de Santa Minia para que lles dean sorte durante todo o ano e deixar ao seu pe as figuriñas de cera con formas de mans, brazos, cabezas, pernas... de acordo con aquela parte do corpo na que pidan a actuación de Santa Minia e que os devotos mercaran minutos antes nos postos que rodean a capela.

 

MiniaCharanga2
 

 

Coma en anos anteriores, e por razóns de seguridade, as candeas de ofrenda que traían os romeiros non foron depositadas na capela senón na casa reitoral, onde tiveron lugar as misas, que este ano reduciron a súa frecuencia no horario de tarde. 

 

Romaría con novidades

 

Para dar a coñecer os traballos de repoboación que se están facendo na Carballeira de Santa Minia, pechada dende hai meses por motivos de seguridade, o Concello de Brión reabriu a parte xa saneada e cos novos carballos xa perfectamente adaptados ao terreo. No valado de peche da parte que aínda queda por analizar sanitariamente, o Concello dispuxo unha exposición fotográfica que recollía dende todos os carteis elaborados para a Romaría de Santa Minia como unha recompilación de fotografías antigas da celebración, algo que foi moi celebrado polos romeiros de maior idade.

 

As cinco polbeiras que estiveron cheas desde a súa instalación e non deixaron de vender racións de polbo e de churrasco. Hoxe, Día de Santa Minia, a espera media para entrar nelas roldaba entre os 10 e o 20 minutos, nas horas puntas. Pola súa banda, as atraccións infantís ateigaron a finca fronte ao centro social polivalente, onde hoxe ofreceron unha hora gratuíta para a rapazada de Brión e onde manterán un horario inclusivo de 16:00 a 17:00 horas no que funcionarán sen son, para facilitar a participación de persoas con diversidade funcional.

 

Entre esta parcela e o santuario de Santa Minia apostáronse preto de 150 postos de venda de rosquillas, roupa, chourizos, antigüidades, queixos, xamón ibérico, larpeiradas, licores, filloas, ferramentas, pulseiras, velas, imaxes relixiosas, música, zapatos, xeados..., así como varios food-tracks. A música nas rúas brionesas correu a carga das charangas Os Jalácticos e Os Celtas, así como do grupo de gaitas Airiños do Petouto. A sesión vermú correu a cargo da artista local Ruth Cundíns, nunha parcela próxima ás polbeiras onde esta noite actuarán as orquestras Marbella e Origen.

Así foi a festa de Santa Minia en Brión

Te puede interesar