Así será o Día de Rosalía en Padrón

Así será o Día de Rosalía en Padrón
20240223 Padron actos Dia Rosalia en Padron 3

A vila de Padrón prepárase para conmemorar o vindeiro domingo 23 de febreiro o Día de Rosalía cunha ampla programación organizada polo Concello, na que se combinan actos institucionais, degustacións gastronómicas e actividades culturais. O evento busca reivindicar a figura da escritora máis universal de Galicia e manter viva a súa memoria.

 

Actos e actividades destacadas

Os actos darán comezo ás 13:30 horas cunha alborada no centro da vila. Durante este percorrido polas rüas, destacará a presenza dos xigantes de Rosalía e de Castelao, cedidos polo Concello de Rianxo. A inclusión de Castelao nesta homenaxe responde á declaración do 2025 como Ano Castelao, en lembranza do 75 aniversario do seu pasamento. Ambos persoeiros representan valores fundamentais como a defensa da lingua galega, a xustiza social e o amor pola terra.

 

O cartaz
O cartaz

 

Ao mesmo tempo, os establecementos hostaleiros de Padrón sumaranse á celebración ofrecendo degustacións do tradicional Caldo de Gloria, unha receita inspirada nos versos de Rosalía que simboliza a resistencia e dignidade do pobo galego.

 

Ofrenda floral e actos na Casa de Rosalía

Un dos momentos máis emotivos da xornada terá lugar ás 18:00 horas, coa tradicional ofrenda floral diante da estatua de Rosalía de Castro no paseo do Espolón. Este acto institucional servirá como recordo da autora e do seu legado na literatura e identidade galega.

 

A programación continuará na Casa de Rosalía, onde ás 19:00 horas o recoñecido cociñeiro Alberto Carou, do restaurante Curral do Marqués de Rianxo, preparará unha nova degustación do Caldo de Gloria. Como broche final, a cantante Antía Muíño ofrecerá un concerto ás 20:00 horas no auditorio da Casa de Rosalía, poñendo as notas musicais a un día dedicado á cultura e lembranza da autora.

 

Invitación á cidadanía

Dende o Concello de Padrón anímase a toda a cidadanía a participar nesta xornada de homenaxe, unha oportunidade para lembrar a voz de Rosalía de Castro e seguir espallando a súa mensaxe de xustiza e liberdade.

 

Así será o Día de Rosalía en Padrón

Te puede interesar