Un asteroide leva o nome de Antonia Ferrín, a primeira astrónoma de España e docente en matemáticas da USC

A homenaxe da UAI recupera a figura dunha científica pioneira que derrubou barreiras na docencia e na investigación
Un asteroide leva o nome de Antonia Ferrín, a primeira astrónoma de España e docente en matemáticas da USC
Antonia Ferrín Moreiras, no Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC | Arquivo familia Ferrín Moreiras

A Unión Astronómica Internacional (UAI) acaba de bautizar un asteroide co nome ‘(14005) Ferrinmoreiras’ na honra da científica Antonia Ferrín Moreiras, pioneira na USC e en España. Foi a primeira muller en formar parte do cadro de profesores da Facultade de Matemáticas da USC, a primeira en realizar investigacións no compostelán Observatorio Astronómico ‘Ramón María Aller’ e a primeira doutora en astronomía de España.

 

Este último aspecto da biografía da astrónoma ourensá é o que destaca o grupo de traballo WG Small Bodies Nomenclature na publicación da nova nomenclatura do asteroide no seu boletín do 1 de setembro de 2025, que lembra que a científica traballou no observatorio da USC e deu clases na Universidade Central de Madrid.


O asteroide que xa leva o seu nome foi descuberto polo Dr. Orlando Naranjo no Observatorio do Llano del Hato (Mérida, Venezuela) en 1993.


Unha memorable biografía

Tal e como explica a profesora da USC Josefina Ling no artigo "La primera astrónoma gallega" en Ciencia en historias, Antonia Ferrín matriculouse na Facultade de Ciencias da Universidade compostelá, onde daquelas só se impartía a carreira de Química. Licenciouse no ano 1934, compaxinando o seu labor como profesora axudante de prácticas na facultade co de axudante interina da sección de ciencias do Instituto de Santiago ata 1936. Paralelamente estudaba a carreira de Farmacia e os dous únicos cursos de Ciencias Exactas que se impartían na USC.

 

Coa Guerra Civil, en 1937 foi sancionada por motivos políticos e inhabilitada ata o ano 1940. Foi nesa década cando coñeceu a Ramón María Aller, fundador do Observatorio Astronómico da USC, co que investigou durante varias décadas.

 

En 1950 licenciouse  en Ciencias exactas na Universidade Central de Madrid e pouco despois gañou unha praza de catedrática de Matemáticas na Escola Normal de Maxisterio de Santander. Xa en 1957, ao crearse a sección de Matemáticas da Facultade de Ciencias na USC, Antonia converteuse na súa primeira docente muller; e é en 1963 cando pasa a ser a primeira doutora en Astronomía en España coa tese "Observaciones de pasos por dos verticales".

 

Ferrín rematou a súa carreira profesional en Madrid, exercendo como profesora adxunta na Facultade de Matemáticas da Complutense e como catedrática de Matemáticas na Escola de Maxisterio Santa María de Madrid. Faleceu en 2009 á idade de 95 anos.

Un asteroide leva o nome de Antonia Ferrín, a primeira astrónoma de España e docente en matemáticas da USC

Te puede interesar