O Ateneo clausura a mostra internacional de Cine e Educación (Cineduca)

O Ateneo clausura a mostra internacional de Cine e Educación (Cineduca)
Foto de familia da clausura da iniciativa

Este mércores, o Ateneo de Santiago clausurou a IV Mostra Internacional de Cine e Educación (Cineduca) coa entrega de premios ás curtametraxes presentadas polos diferentes centros educativos galegos.

 

O acto estivo conducido polo Director da Mostra, Miguel Zabalza, quen o iniciou cunha breve introdución, onde salientou a importancia do cine na educación ao «ser capaz de transmitir valores, a identificación co propio territorio, coa propia cultura, con todo o que temos ao noso arredor, cunha linguaxe moi empática, moi emocional, é dicir, que a través do cine un vai entrando nun tipo de perspectiva de ver o mundo e ver a vida que cos libros se tarda moito máis en conseguir».

 

 

A continuación, o Directivo do Ateneo de Santiago, Antón Porteiro, procedeu á lectura da acta de outorgamento dos Premios e, seguidamente, proxectáronse as curtametraxes gañadoras e fíxose entrega dos Premios.

 

Blanca Río, Directiva do IES Rosalía de Castro de Santiago, foi a encargada de presentar o traballo gañador do Premio Ateneo Cineduca 2025, «Soños para levar. Unha historia chea de historias» do CEIP Plurilingüe Mestre Ramiro Sabell Mosquera de Ponteareas, destacando a alta implicación do profesorado das escolas públicas galegas, «motivo para estar moi orgullosos» e indicando que se trata «dun proxecto de centro, onde o alumnado é o protagonista da súa propia aprendizaxe; un traballo transversal, competencial, ao que aspiramos todos os centros». O galardón, entregado por Francisco Candela, Presidente do Ateneo, consta de mil euros, diploma acreditativo e peza conmemorativa, que recolleron representantes do profesorado do centro e varios alumnos participantes na curtametraxe.

 

 

No que respecta á mención honorífica, tal e como se indicaba na acta, o traballo non podía ser premiado, debido a que a súa duración non acadaba o mínimo estipulado nas bases do Premio. Con todo, o xurado decidiu recoñecelo cun diploma acreditativo, recollido polas protagonistas do mesmo e directivos do centro, ao supoñer «unha excelente maneira de levar a literatura ao cine», indica o presentador da proxección, José Manuel González Herrán, Catedrático de Literatura Española e Profesor emérito da USC. Así, esta curtametraxe de ficción está baseada no conto de misterio da escritora arxentina Elsa Bornemann, La del 11 jota, conseguindo «encerrar ese conto, de pouco máis de tres páxinas, dunha maneira excelente neses 6 minutos».

 

Finalmente, o Presidente do Ateneo de Santiago, Francisco Candela, daba por concluído o acto desta cuarta edición da Mostra Internacional de Cine e Educación (CINEDUCA), subliñando que «é un orgullo para o Ateneo de Santiago levar adiante esta Mostra Internacional de Cine e Educación polo que ten do noso compromiso coa educación e, sobre todo, coa educación pública», agradecendo aos alumnos e profesores a súa participación e animando a seguir impulsando a utilización do audiovisual como un instrumento educativo porque «un vídeo é un produto derivado da colaboración e da cooperación entre os alumnos, os profesores e mesmo coa contorna, un produto colectivo esencial na educación para a cidadanía» xa que as escolas teñen tamén «unha parte importante na formación de cidadáns responsables, comprometidos cos valores da paz, da convivencia, dos dereitos humanos e dos valores democráticos».

O Ateneo clausura a mostra internacional de Cine e Educación (Cineduca)

Te puede interesar